Calquera tempo pasado foi mellor, polo menos no que a coches se refire. Iso é o que opinan tanto os 57 expositores como as visitas que durante esta primeira xornada se achegaban a Expourense a gozar dunha viaxe nostálxica no Salón do Vehículo Clásico a través dos centos de coches expostos de entre 1930 e 1995. A III edición desta cita, que termina xa mañá domingo, volveu a sorprender aos visitantes que mostraron a súa satisfacción ao ver que este evento “vai a máis e mellor” aumentando non só o número de expositores e coches expostos, senón tamén a calidade e singularidade dos mesmos. Tamén chama a atención a variedade na área de venda na que os expositores ofrecen recambios, compoñentes, accesorios, ferramentas, miniaturas, placas, produtos de limpeza e pulido, pintura, fundas, revistas etc. O salón continúa mañá domingo en horario de 10 a 20h.
A Policía Nacional repite unha edición máis cunha exposición dos seus vehículos clásicos aos que nesta ocasión sumáronse outras exposicións cedidas pola Garda Civil (co mítico “Catro Latexes” ou o Land Rover, ademais duns 2CV) e as do Ministerio de Defensa do Goberno de España con varias pezas como un Jeep Willys traídas desde o seu Museo en Torrexón de Ardoz.

No referente a coches singulares destaca a réplica do restaurador Juan Lumbreras do Xaguar D-Type gañador de Le Mans en 1956 (e anos posteriores) ou o Porsche 901 exposto en Clásicos Ourense e que é unha das 82 unidades que se fabricaron en todo o Mundo en 1964 e das poucas que aínda se conservan. Como é habitual, as miradas dos visitantes céntranse tamén o mítico Alpinche de Reverter ou no Porsche Aurora de Nacho Casla.
A paixón polo motor na provincia de Ourense queda patente non só na afección, se non tamén a nivel empresarial. Empresas ourensás como Talleres Marvic, especializadas na restauración de clásicos e de coches de competición, reciben pedidos de toda España e mostran en feira un bo exemplo dos traballos que están a realizar. Tamén se estrea nesta edición a empresa Moventos, especializada no alugueiro de coches clásicos para eventos, sobre todo, vodas.

Este salón posicionouse xa como un gran punto de encontro para os afeccionados aos vehículos clásicos de toda Galicia e tamén do Norte de Portugal e de comunidades como Asturias, Castela e León ou Madrid. Desde a xornada de onte, foron numerosos os visitantes que partiron co seu clásico desde Poboa de Sanabria ou Oviedo e foron narrando a súa viaxe a través das súas redes sociais. O aparcadoiro de clásicos de particulares volveu ser un dos puntos fortes desta primeira edición superando xa hoxe sábado os 200 coches aparcados, cifra que se espera repetir ou superar durante a xornada de mañá domingo.
Destaca ademais a presenza dunha vintena de clubs de afeccionados a marcas ou modelos en concreto a nivel nacional (Club Lancia España, Alfa Romeo, American Cars, Seat 124 ou Mercedes W123) que compartirán espazo con clubs galegos ou portugueses afeccionados unidos por unha marca ou procedencia territorial (Escuadra Ourense, Barreiristas de Galicia, Club Nipón ou as escuadras de Clásicos de Condado-Paradanta; Ribeira Sacra; Arenteiro; Taboadela; O Irixo; Melgaço, Petín,…)



