A rúa Marcelino Suárez, o paseo do Malecón, a tenda de música Ton y Son ou o Café Teatro Bajo 5, son algunhas da localizacións nas que esta semana se rodará Dopamina Zero, a nova curtametraxe de Rodrigo Marini sobre a enfermidade do Párkinson dende o prisma da música e o amor.
Do 8 ao 12 de abril O Barco de Valdeorras converterase nun plató de cine e para presentar o proxecto, gran parte do equipo de rodaxe co director á fronte, achegábase na tarde deste luns ata o Teatro Lauro Olmo acompañado pola concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta e o alcalde, Alfredo García.
Alí, o propio Rodrigo daba as grazas a todos os que colaboran neste ambicioso proxecto que leva a cabo “en casa” grazas sobre todo ao gran apoio local. “Rodar no Barco de Valeorras, á parte de que é a miña terra e faime moita ilusión levar a todo o meu equipo para aí, daralle moita máis personalidade á curta que nunha gran cidade porque se algo ten, co río Sil e as súas rúas, é un ambiente bohemio e moi noso. Creo que a historia vai ser máis romántica e persoal, que contada no Barco vai ganar a nivel visual, á marxe do que a min me afecte a nivel emocional, porque ten localizacións que no cine non están vistas e aportan un osíxeno e aire diferente a unha gran urbe”, asegura o director de cine que contará co mesmo equipo de Dragón Blanco (Black Fiction Producciones, produtora de Rodrigo Marini e David Santamaría) ao que se sumou Claqueta Blanca, a produtora de Gerardo de las Morenas.
“É un provilexio poder rodar esta curta no Barco porque sentímonos moi apoiados”, di, destacando ao Concello a quen lle está moi agradecido por todo, así como ao resto de xente da vila, “Jorge e Vanessa de Ton y Son; Manu e Naya de Bajo 5; José María; o Restaurante Dock que nos porá o cátering; a cafetería de Elvira e Luis que nos dará os almorzos; a Tenda de Raquel de Petín… A moblería de Viloira que nos presta os mobles para a casa, Roberto Dobao que nos botará unha man en perruquería,… temos unhas axudas extraordinarias. Antón da tenda Beep déixanos para a rodaxe un Citroën 2 Cabalos espectacular, Epifanio Campos tamén é produtor asociados entre outros”, di, destacando tamén a colaboración de artistas locais como Lola Doporto, Iván Prieto ou músicos como Jorge Ojea e Sr. Jingles para “amosar O Barco e tamén aos seus artistas, ambientando coa arte valdeorresa as localizacións”.

Black Fiction Producciones, a produtora de Marini e Santamaría adoita facer máis cine negro, de acción, con toques de artes marciais e humor negro, cambiando agora de rexistro cun drama social serio, “que si terá toques de comedia negra nalgúns momentos porque cambio de xénero pero sigue sendo o meu estilo”, para contar unha histoira que non buscou. “Presentouseme diante e pensei que a tiña que contar porque é narrar o que hai detrás do Párkinson. Todo o mundo cre que é unha enfermidade de persoas maiores que tremen e realmente o que hai baixo a pel, que non se vei, é o realmente duro e conleva moitos problemas que só coñecen quenes a padecen e os seus coidadores, algo digno de ser contado”, di un emocionado Marini, convencido de que á parte do romance, cunha historia de amor moi bonita, a curta ten un trasfondo social importante que dará visibilidade a unha enfermidade da que pouco se sabe.
Do reparto formarán parte actores como Juan José Ballesta (El Bola) no papel protagonista, Veki Velilla, Cristina Mediero, Roman Rymar, Antonio Meléndez, Álex Navarro, Álvaro Tejero, Nacho Serapio e Antonio Meléndez Peso, que forman parte do equipo desprazado dende Madrid o que supón un presuposto alto. “Nas longametraxes hai moito tempo e moito diñeiro e nas curtas pouco tempo e pouco diñeiro porque facemos un produto de 20 minutos pero ao nivel dunha longa co cal resulta moi caro e se non é polas axudas que recibimos teriamos que baixar a calidade e o que pretendemos é subir o nivel con cada cousa que facemos”, di Marini, agradecendo todos e cada un dos apoios cos que conta.
Na presentación, un emocinado Marini (co seu pai entre o público) aseguraba que “veño cun exército artístico dende Madrid pero conto con outro exército aquí, porque se non fose por Valdeorras esta curta non se podería rodar”. Pola súa banda, o protagonista loaba ao propio director asegurando que “posiblemente é o mellor actor co que rodei porque está a todo, víveo con paixón, sabe tratar aos actores e sabe sacar o mellor do personaxe e o actor”, dixo, destacando a “calidade humana” e o “feeling que sentimos dende o primeiro día”.
Despois de case un ano de traballo, Dopamina Zero comezará a coller forma mañá a partir das 10h. A primeira localización será o ingterior do Bajo Cinco.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.



