CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Intercambio escolar con mozos de Neuilly-en-Thelle (Francia), no IES Carlos Casares de Viana do Bolo

 

A comezos de abril o IES Carlos Casares de Viana do Bolo acollía ao alumnado francés de intercambio na viaxe de volta. Os correspondentes chegaban o venres 28 de marzo pola tarde de Neuilly-en-Thelle pasando a fin de semana coas familias; e na xornada do luns día 31, logo da presentación oficial no instituto, o alumnado de francés do centro vianés “compartiu co grupo de intercambio diferentes actividades moi ben valoradas”, din dende o IES Carlos Casares.

 

 

A xornada do 1 de abril para o grupo de intercambio do programa EduFrance transcorría en Santiago de Compostela. “O alumnado de Viana e de Neuilly-en-Thelle desfrutou dun paseo polo casco histórico da cidade nunha visita guiada, visitou a Catedral e mesmo realizou diferentes actividades no Museo do Pobo Galego”, explican dende o instituto.

 

 

A seguinte xornada comezaba cunha visita guiada ao casco histórico de Ourense. “Xa a media mañá, o grupo dirixiuse ás termas de Outariz, onde non perdoou o baño nas pozas de auga quente; e a tarde rematou en Allariz, cunha interesante visita ao Museo do Coiro, onde se despediu Rosa, a guía que acompañou ao grupo nas visitas”.

 

 

E xa na xornada final do programa de intercambio escolar, o 4 de abril, o grupo visitaba As Ermidas pola mañá e, tralo xantar en Ponferrada, desfrutaba dunha visita guiada ás Médulas de Carucedo, rematando o día de tapeo por Viana.

Fotos: O Choupín Dixital

Artigos relacionados

Back to top button