Coñecido tamén como Domingo de Pascua ou de Pascua Florida, o Domingo de Resurrección é a festa central dos cristiáns na que conmemoran a resurrección de Xesús.
A Pascua marca así o final da Semana Santa e o inicio do Tempo Pascual, unha data vivida con especial fervor na parroquia ruesa de Santo Estevo coa procesión do Resuditado no mediodía deste domingo 20 de abril.

Ás 12 horas a imaxe de Cristo resucitado saía da igrexa seguida polos homes. De contado saía a imaxe da Virxe coas mulleres detrás, xuntándose no adro. Aí mentres os homes mantiñan a imaxe de Cristo en alto, as mulleres cambiban o manto negro da Virxe polo dourado, para celebrar o encontro co seu fillo resucitado, ao tempo que dúas mozas lle recitaban uns poemas.
Despois, todos xuntos regresaban cantando ao interior da igrexa para celebrar felices a misa de Resurrección. Unha cita especialmente esperada logo dunha Semana Santa pasada por auga.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver



