Esta mañá tiña lugar, con éxito, un ensaio do Grupo Operativo AGRI-ROVENAT, promovido pola Fundación Xeral CSIC, en varias parcelas de vide e oliveira autóctonas situadas no municipio de Quiroga, onde se avaliaba como a introdución de ovellas sometidas a un proceso de aversión inducida cara a estes cultivos contribúe ao mantemento da biodiversidade e da cuberta vexetal natural.
Ademais, tense testado un segundo método: o uso dun robot segadora teledirixido, desenvolto por Millasur. Ambos os sistemas permiten conservar o tapiz vexetal das parcelas agrícolas, á vez que preveñen a erosión do chan, un problema habitual en áreas con pendente como a Ribeira Sacra, onde leva a cabo esta experiencia piloto en terreos da empresa Ouro de Quiroga.

A directora do Grupo VIOR (Viticultura, Oliveira e Rosa) da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC, Carmen Martínez, tamén coordinadora científica deste proxecto supervisou o desenvolvemento do ensaio e adiantou que “posteriormente se compararán as vantaxes e desventaxes de cada un dos métodos utilizados nas parcelas de oliveiral autóctono galego e no viñedo”.

Así mesmo, explicou que a aversión inducida específica ao oliveiral e ao viñedo faise co obxectivo de evitar que as ovellas se alimenten coas plantas cultivadas e inxiran só a flora que cobre o chan. Este método conta con todas as garantías de benestar e saúde animal e foi desenvolvido, experimentado e publicado polo grupo de Recerca deas Remugants da Universidade Autónoma de Barcelona.Ademais, está previsto realizar proximamente un estudo sobre a calidade do leite producido por estas ovellas, co fin de estudar se o control da alimentación e o pastoreo en parcelas de oliveira e vide teñen un impacto directo na súa composición e sabor.
Optimizar a sustentabilidade
Un dos principais propósitos do proxecto é poñer en marcha e optimizar métodos de manexo de cultivos sostibles e respectuosos coa contorna, capaces de realzar a beleza da paisaxe da Ribeira Sacra e conservar a biodiversidade. Outro dos obxectivos é impulsar a recuperación de variedades de oliveira autóctona galego. Estas propostas están enmarcadas en procesos de economía circular e búscase que resulten eficaces e rendibles para os agricultores. Tamén que se favoreza a posta en marcha de novos proxectos de emprendemento sostibles para contribuír á dinamización socioeconómica do rural cunha maior produción de aceite de oliva autóctono de Galicia.

Ouro de Quiroga é un exemplo de Peme impulsada por veciños da Ribeira Sacra que apostaron por poñer en valor produtos e recuperar tradicións ligadas á terra cun enfoque sostible que inclúe procesos pioneiros de innovación. Actualmente, cultivan dúas variedades autóctonas galegas: a Brava Galega e Mansa Galega, coas que elaboran aceite de oliva virxe extra.
Membros do Grupo Operativo
O Grupo Operativo AGRI-ROVENAT, cofinanciado pola Unión Europea e o Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación, está liderado pola Fundación Xeral CSIC e impulsado polo grupo VIOR da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), que coordina a parte científico-ténica do proxecto. Participan, ademais, o grupo Dairy Safe do Instituto de Produtos Lácteos de Asturias (CSIC), a Fundación Laboral Santa Bárbara (FUSBA) e as empresas Ovellas e Cordeiros e Millasur. Aromas do Narcea e Ouro de Quiroga colaboran en varias fases do proxecto, baixo a coordinación administrativa de artica+i e a xestión da comunicación por Sánchez Pardo Comunicación. O custo total do GO Supra Autonómico AGRI-ROVENAT é de 615.375,45 €. Foi subvencionado con 598.225,45 €, dos cales o 80% (478.550,35 €) corresponde a fondos FEADER.

Demostración pioneira
Participaron neste ensaio Jorge Cabero Zumalacárregui, director de Innovación de Fundación Xeral CSIC, Carmen Martínez, directora do Grupo VIOR (Viticultura, Oliveira e Rosa) da Misión Biolóxica de Galicia (MBG)-CSIC e coordinadora científica do proxecto, Luis H. Noriega, investigador científico do Instituto de Produtos Lácteos de Asturias-CSIC, José Luis Santiago, investigador do Grupo VIOR – MBG – CSIC, Julio Quiroga, copropietario de Ouro de Quiroga, Matías Búa, de Millasur e Miguel Lorenzo, de Ovellas e Cordeiros S.L.
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.
