OurenseÚltima hora

Parabéns á UD Ourense polo título de liga e ascenso a Segunda RFEF

Deputación, Xunta e Concello recibían á directiva, equipo técnico e plantel

 

Na mañá deste mércores 30 de abril o presidente provincial, Luis Menor, recibía no salón de plenos da Deputación á directiva, equipo técnico e plantel da Unión Deportiva Ourense, logo do seu ascenso á 2º RFEF.

Menor rememorou “os nervios e a emoción” que viviron durante o encontro, disputado na Coruña, onde se certificou que os ourensáns eran os flamantes campións da 3ª RFEF. Tamén sinalou que a UD Ourense “é un orgullo para toda a provincia e o exemplo de como lograr un soño con moito traballo, esforzo e sen atallos” e garantizou tamén que “a Deputación sempre estará ao carón deste proxecto que nos representa a todos”.

O presidente da Unión Deportiva Ourense, Fernando Currás, agradeceu “o apoio constante” da institución provincial ao conxunto ourensán e proclamou que “seremos esixentes e ambiciosos para seguir medrando”.

 

O presidente provincial, Luis Menor, recibe á Unión Deportiva Ourense. Acompañan a comitiva Fernando Currás Gallego (Presidente), Borja Fernández (Adestrador) e Chelo Lopez Caride, Xurxo Gonzalez e Javier Orbán (Membros da directiva).

 

Concello de Ourense

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, pola súa banda tamén os felicitaba pola súa “excelente temporada 2024/2025, na que se proclamou campión da liga de fútbol de Terceira Federación e obtivo o ascenso á categoría de Segunda Federación”.

Acompañado polo presidente do Consello Municipal de Deportes, Aníbal Pereira, Pérez Jácome recibía no salón de plenos do Concelo ao presidente, Fernando Currás, o adestrador, Borja Fernández, a directiva e os xogadores do equipo ourensán, nun acto ao que acudiron representantes de todos os grupos políticos con representación no Concello (DO, PP, PSdeG-PSOE e BNG).

Xunta de Galicia

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo delegado da Xunta na provincia, Manuel Pardo, tamñen recibñia no salón de actos da Delegación Territorial á Unión Deportiva Ourense polo seu ascenso á Segunda RFEF, a cuarta división do fútbol nacional. Alí, o mandatario galego sinalou a importancia deste fito e subliñou “o ascenso meteórico do equipo ourensán que en tan só once tempadas logrou escalar dende a terceira división do fútbol rexional ata a Segunda Federación quedando a tan só dous banzos do fútbol profesional”, polo que animou aos xogadores a “seguir subindo categorías para levar a Ourense a onde merece”. Durante a recepción, o secretario xeral e o delegado territorial fixeron entrega ao presidente do club, Fernando Currás, dunha placa conmemorativa polo ascenso.

 

O secretario xeral para o Deporte entrega ao presidente do club unha placa conmemorativa polo ascenso.

 

O secretario xeral para o Deporte agradeceu o traballo da directiva, corpo técnico e xogadores nunha campaña “case perfecta” na que a Unión Deportiva Ourense tan só perdeu un partido e valorou, asemade, a entrega e o sacrificio dun club que recolle o legado do desaparecido Club Deportivo Ourense. Neste sentido, Lete Lasa, lembrou aos xogadores que no equipo ourensán da tempada 1967/1968 teñen ao mellor exemplo de traballo e de éxito pois ostenta o récord de gañar todos os partidos da liga -30 de 30-, un fito que volveu ser recoñecido recentemente pola Xunta na gala das Distincións ao Mérito Deportivo de Galicia.

O responsable do deporte galego informou aos representantes do club que este ascenso á Segunda RFEF, posibilita que, a tempada próxima, a Unión Deportiva Ourense poida entrar no Plan de Patrocinio dos equipos de alta competición de Galicia da Fundación Deporte Galego que xa leva repartidos máis de 44 millóns de euros entre os mellores equipos de Galicia desde a súa concepción no ano 2009. Así mesmo destacou a remodelación do estadio do Couto, propiedade da Xunta que se encarga do seu mantemento, cun investimento de preto de 3 millóns de euros.

Artigos relacionados

Back to top button