
Boas novas para o Pádel Club Valdeorras. Na última fin de semana de abril celebrábase no club DST de Bembibre, a fase de interseries onde se enfrontaban os seus equipos A e B, contra os gañadores da zona de Asturias e Valladolid-Palencia. “Malia ser galegos representabamos á zona do Bierzo por proximidade”, puntualizan dende o club valdeorrés, destacando o bo resultado do equipo A.
Tal como explican dende o propio club, o equipo pasaba como cabeza de serie e, despois de gañar dous partidos, gañaba tamén a final conseguindo praza para disputar o Máster Internacional que se celebrará do 6 ao 8 de xuño no Club Calderona Wellness, en Valencia, onde se enfrontará aos rivais da zona de España, México, Suecia, Italia, Portugal. “Para os compoñentes do equipo xa é un premio poder participar no evento, pero tentaremos loitar para deixar o pavillón ben alto”, aseguran.
O punto negativo da xornada era para o equipo B que despois de gañar dous partidos caía na final. “De ter gañado tamén iría ao Máster Internacional, pero foi unha xornada triste xa que durante o transcurso dos cinco partidos da final, a maior parte do tempo estaban a gañar pero torceuse todo ao final e perderon”, explican dende o club dándolles “as grazas por todo o esforzo que realizaron e moito ánimo porque son grandísimos xogadores e sobte todo un gran equipo”.




