A RúaConcellosÚltima hora

Aprobado o orzamento do Concello da Rúa para este 2025

 

Despois de tres anos sen orzamento municipal, na tarde do martes 29 de abril o Concello da Rúa aprobaba o deste 2025 cos 5 votos a favor do equipo de Goberno e 3 abstencións do PP. Facíao nun pleno extraordinario urxente, con carácter de sesión ordinaria por ausencia da secretaria, previsto para o luns día 28 cando tiña que ser aprazado ata o día seguinte debido ao apagamento xeneralizado.

Tal como explicou a alcaldesa, María González Albert, o orzamenteo ascende a algo máis de 3,7 millóns de euros, o que supón “460.000 euros máis que no aprobado en 2022”, destacando que o incremento provén da incorporación de subvencións basicamente nominativas, entre as que destaca unha da Deputación de Ourense para renovar o parque infantil de Fontei e outra do Plan CooperOU.

 

 

Por áreas de gasto, González Albert destaca “un aumento na partida de promoción e protección social, que ascende con respecto ao anterior en máis de 340.000 euros, cunha mellora do servizo de axuda no fogar que non aparecía ben computado”. Tamén se recolle a amortización de cinco prazas: a de ludotecaria, dous monitores deportivos da escola de fútbol, un subalterno do centro médico e o persoal de cafetería da Casa de Cultura.

Dende a oposición, o voceiro do Partido Popular destacaba o feito de que “aumentan os ingresos, hai menos gastos ademais das prazas que se amortizan pero o resultado no que atinxe a servizos e estado das rúas non se corresponde con esa situación de mellora presupostaria”, lamentando que as decisións que se toman “son ludico festivas pero despois temos os camiños cheos de maleza e as rúas sucias” polo que agardan que “o Concello administre ben eses cartos, veremos como funciona a distribución feita”.

 

 

Desde o R.U.A. José Vicente Solarat confiou en que o incremento de ingresos permita mellorar a xestión diaria, especialmente en servizos como a limpeza viaria, onde se espera contar este ano con novas contratacións grazas a subvencións xa solicitadas.

Na orde do día tamén estaba incluída unha moción sobre a silicose que ía defender a propia rexedora pero que quedaba sobre a mesa xa que “estaba previsto que viñesen membros de Asilival e ao cambiar o día non puderon asistir”, dixo María.

 

 

O que se si se aprobaba por unanimidade (primeiro a urxencia, xa que non estaba na orde e despois, o punto en si), era a renovación do convenio coa CIUGA para que A Rúa siga sendo sede das probas de selectividade, ABAU, amosando iso si o seu malestar polo incremento do gasto, que alcanza case 22.000 euros ao incluír como novidade un cargo novo de gastos de xestión, fronte aos 11.000 que se destinaban tradicionalmente. A alcaldesa lembrou que só tres concellos (A Rúa, Viveiro e Cee) deben asumir este tipo de custos polo que seguirán reclamando unha revisión do modelo no que atinxe ao convenio.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button