ConcellosÚltima horaVilamartín

Este 17 de maio a Florenciada regresa a Córgomo (Vilamartín) para celebrar as Letras Galegas cos veciños

Florenciada no ano 2022 en Córgomo.

 

Hai tres anos a Aira dos Bolos de Córgomo, no concello de Vilamartín de Valdeorras, se convertía no epicentro da cultura galega coa celebración das Letras Galegas dedicadas a Florencio Delgado Gurriarán.

A cita continuaba nos seguintes anos cunha feira organizada pola Asociación de Mulleres que neste 2025, pasan o testemuño á Fundación Florencio Delgado Gurriarán, que co apoio da Deputación de Ourense, organiza unha festa en colaboración coa veciñanza.

Así, o sábado 17 de maio, “toda Valdeorras está convocada para gozar en Córgomo das Letras Galegas dedicadas ás cantareiras”, convidaban na mañá deste luns 5 maio na presentación á que asistían Elva Delgado, Margarida Pizcueta e Sherezade Núñez. O programa comezará ás 12 horas e inclúe unha feira de artesanía, unha zona de xantar, música, cantos de taberna, pandereteiras e ata un obradoiro de foliada.

 

Presentación do programa en Córgomo.

 

Unha foliada pola cultura galega

A recuperación da Florenciada foi un obxectivo da Fundación FDG dende a súa creación, pois aínda se mantén fresca a memoria da xornada tan alegre vivida nas Letras de 2022. Naquela ocasión, toda a vila de Córgomo implicouse no evento e este ano non será menos. As 11 horas abrirá na Aira dos Bolos unha feira de artesáns e produtores de Valdeorras organizado polas veciñas coa inauguración previstqa para as 12. Un pouco despois comezarán os cantos de taberna pola vila cos Charangateiros. Con posto de polbo, embutidos e panadería, os que se acheguen á vila poderán xantar nas mesas colocadas na Aira das Guerras, que estará cuberta.

As 15 horas volverá a música, cos Pándega, e a partires das 17 horas arrancará unha gran foliada con Abertal, que acudirá á cita con gaiteiros, pandereteiras e unha proposta moi especial, un obradoiro de foliada a cargo de Manolo Cobas, o profesor de baile da agrupación ruesa. O fin de festa correrá a cargo dos Parrandas con cantarenas pola vila. Aparte da festa e cantos por parte dos grupos, habilitarase tamén un escenario con micro aberto para animar ao canto espontáneo de coplas.

 

 

Camiñada a Corgomo

Como apertura do día, a Fundación celebrará ademais unha camiñada dende Arcos ata a aldea natal de Florencio, pasando por algúns lugares trascendentais da súa biografía, como o río Farelos ou Portela. Durante a andaina, que partirá ás 10h. da praza das Cegoñas, contarase co acompañamento de anfitrións locais que explicarán a historia dos lugares. Para participar é preciso inscribirse na páxina web da fundación, xa que as prazas son limitadas. O percorrido é de preto de 5 km e durará unhas dúas horas, chegando a Córgomo para o inicio da feira.

PROGRAMA

  • 10 horas: Camiñada a Córgomo
  • 12 horas: Inauguración da Feira de Artesáns (apertura dende as 11 horas)
  • 13 horas: Grupo Charangateiros
  • 14 horas: Xantar popular
  • 15 horas: Grupo Pándega
  • 17 horas: Foliada con Abertal
  • 19 horas: Cantarenas pola vila cos Parrandas

Artigos relacionados

Back to top button