Na tarde deste xoves 8 de maio, o Teatro Lauro Olmo do Barco acollía a clausura dos XXII Encontros Familia-Escola, organizados pola asociación Vagalume Valdeorras coa colaboración da Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia.
Con 22 edicións ás súas costas, esta iniciativa pretende identificar e tratar de xeito precoz posibles desequilibrios emocionais na poboación máis nova, algo crucial para o seu presente e o seu futuro. Precisamente, a conferencia de peche, a cargo de Álvaro Bilbao, versou sobre a educación en positivo e a preparación dos máis novos para a vida.

Na súa intervención, o presidente provincial, fixo referencia á sua traxectoria profesional como docente, para enxalzar a importancia deste tipo de iniciativas para detectar problemas. “Estamos ante un exercicio de empatía con todas as persoas que nalgún momento da súa vida sufriron acoso escolar, trato inxusto por parte da familia ou da escola”, dixo, ademáis de poñer de manifesto a importancia de sentar bases como esta na sociedade, quixo transmitir o seu agradecemento ás familias e profesorado presentes nas xornadas, “polo voso empeño en crear aulas e fogares seguros emocionalmente”.
Por último, Menor agradeceu a Vagalume Valdeorras o seu labor á hora de poñer en marcha “un novo paradigma da educación con implicacións a nivel social, educativo e cultural, e incorporando nos últimos tempos a dimensión en saúde mental, tan importante”. Tamén os animou a continuar amosando a importancia da empatía e da dinamización educativa, cultural e social para acadar unha sociedade mellor.
Na clausura desta edición das xornadas tamén estaban a directora xeral de Innovación Educativa, Judith Fernández; a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta; e a deputada delegada especial para Valdeorras, María Carmen González.
Fotos cedidas.



