Co lema de “Valdeorras en negro” esta comarca ourensá desenvolverá do 21 ao 27 de novembro un variado completo de actividades con motivo da celebración do “Día Internacional para a erradicación da violencia contra as mulleres”, o 25 de novembro. A iniciativa está impulsada dende os concellos do Barco, A Rúa, Vilamartín e Petín, e ela tamén se sumaba o de Viana do Bolo. Ademais nela tamén se teñen implicado o sector comercio, a través da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), e a educación, concretamente a través dos centros públicos do Barco, A Rúa, Vilamartín e Rubiá.
En cada destes municipios exhibiranse camisetas negras co lema “Valdeorras en negro” no comercio, locais de restauración e administracións públicas e docentes. “A través desta iniciativa queremos pronunciarnos e saír á rúa a pór en evidencia e visualizar a conmemoración do Día contra a violencia contra as mulleres. Nesta iniciativa convidouse aos concellos de toda a zona e tamén aos empresarios e aos colexios para que se adheriran. A través do programa tamén queremos chamar á poboación a participar e a que o 25 de novembro vista a camiseta negra da campaña, repartíronse 1.100 camisetas nos diferentes concellos e, se non a teñen, que poñan unha camiseta negra”, aseguraba o concelleiro de Servizos Sociais do Barco no acto de presentación da campaña, ao que tamén asistían a alcaldesa da Rúa, María González; a tenente de alcalde de Vilamartín, Amparo Rodríguez, así como as concelleiras Teresa Valcarce, de Petín, e Ana Vizcaya, da Rúa.
O programa inclúe unha concentración no mediodía do 25 de novembro na prazas dos concellos participantes, coa lectura dun manifesto contra a violencia de xénero, así como actividades nos centros escolares ao longo desa semana. A rexedora da Rúa, María González Albert, facía fincapé na relevancia desa data e na idea de colaboración entre os concellos para celebrar esta campaña conxunta e para que a sociedade visualice esta problemática.
Fotos: Carlos G. Hervella.