
Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole, clausuraba na mañá deste venres 16 de maio a edición do seu 20 aniversario, baixo o lema “Neurociencia e saúde mental”.
No acto de entrega de premios participaba a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, aacompañada da alcaldesa de San Cibrao das Viñas e vicepresidenta da Deputación de Ourense, Marta Novoa; o delegado territorial da Xunta de Galicia, Manuel Pardo; o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández; o vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, Javier Rodríguez; o secretario da Confederación de Empresarios de Ourense, Jaime Pereira; a directora do Centro Galego da Innovación da Formación Profesional, María Jesús Carnero.

Durante o evento houbo un convidado moi especial, que se conectou coa rapazada por videoconferencia: o ourensán Carlos Nieto, primeiro gañador de Galiciencia -en 2006-, que na actualidade traballa como neurocientífico en Moscú. No transcurso do acto, o director xerente de Tecnópole, Javier Taibo, anunciou a temática de Galiciencia 2026, que versará sobre a “Ciberseguridade”, coincidindo co construción en Tecnópole do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia.
Marta Lama, do IES Rosalía de Castro de Santiago, fíxose co primeiro premio desta edición pola súa proposta “Mente activa”,Trátase dunha caixa de xogos para persoas con enfermidades neurodexenerativas, como Alzhéimer e Párkinson, que presentan un deterioro cognitivo leve. O segundo equipo clasificado foi o formado por Daniel Díaz e Carlos Fernández, do CPR Divino Maestro de Ourense, que deseñaron “SaudApp”, unha solución dixital sinxela e eficaz para que calquera persoa poida coidar a súa saúde mental. O terceiro premio foi para o proxecto de Eila Lago e Daniela García, do Colexio María Auxiliadora – Salesianos de Vigo, centrado na transformación de papel reciclado, materia orgánica, cinza e outros refugallos nun biocombustible eficiente e sustentable, denominado termoecobriks de biomasa.

Proxecto feminino: un filtro caseiro para reutilizar a auga da secadora
O premio para o mellor proxecto liderado por unha nena foi o de Cintia Pérez e Iago Fernández, do Colexio Pablo VI-Fátima da Rúa. Propoñen a fabricación dun filtro caseiro para eliminar deterxentes e suavizantes presentes na auga residual da secadora, o que permite a súa reutilización en rega e acuarios. Para iso deseñaron un sistema de filtrado que elimina partículas sólidas e contaminantes químicos. “Realizamos probas comparando a auga antes e despois da filtración, avaliando a súa claridade e impacto en plantas e peixes, e os resultados amosan que este filtro é unha solución eficaz, sostible e de baixo custo para a reutilización da auga”, aseguran.



