CulturaCulturaÚltima horaVídeos

José R. Cruz e Carlos Ares: “Os verdadeiros autores do libro son as persoas que nos transimitiron os seus saberes”

Estes dous estudosos das tradicións presentaban hoxe na praza de Vilariño o libro “Terras de Vilariño de Conso. Historia, etnografía e patrimonio"

 

Vilariño de Conso é un territorio que conserva unha gran riqueza en tradicións e tamén en lendas. Moitas delas vinculadas ao Castelo de Cerveira. “Eu subín sete veces ata este monte mítico, rodeado de lendas, pero tamén hai moitas máis lendas na contorna, como a lenda de dona loba en Edrada e moitas máis…”, dicía José Rodríguez Cruz, investigador da Gudiña, que xunto a Carlos X. Ares Pérez presentaban esta mañá de 18 de maio neste municipio o seu novo libro: “Terras de Vilariño de Conso. Historia, etnografía e patrimonio” (Ab Origine Edicións).

O acto tiña lugar na praza deste vila e, nel, os autores estaban acompañados da alcaldesa de Vilariño Melisa Macía, do editor da obra, Rafael Quintía, do artista que fixo as ilustracións, Xosé Poldras e dun veciño da Veiguiña, Justo.

 

 

Nesta monografía, os autores deixan constancia do legado histórico e cultural que o paso do tempo foi deixando nesta zona e fan un percorrido polos aspectos que teñen que ver coas tradicións, cos costumes e cos xeitos locais de vida.

 

 

“Afondamos na hidrografía, na historia, porque Vilariño de Conso ten unha serra, que quitou moita fame polo tema da gandería, é un concello de interior impresionante, que para moita xente non é moi coñecido, pero merece a pena visitalo”, destaca Rodríguez Cruz, quen tamén amosaba o seu agradecemento a todas as persoas que colaboración neste libro, entre elas, mencionaba a Xosé Benito Reza, quen escribía o limiar, e tamén a Antonio Ares, que colaboraba coas súas fotografías. “En realidade nos figuramos aí como autores, pero os verdadeiros autores do libro son as persoas que nos transmitiron os seus saberes da tradición, sen eles non se tería podido facer este libro”, matizaba. E concluía asegurando que “foi un pracer facer este traballo con Carlos X. Ares”.

Era este coautor vianés do libro interviña a continuación, explicando, como xurdía este proxecto, no que agradecía a colaboración do Concello de Vilariño e da editorial. “Pepe chamoume un día, dicindo que tiña unhas recollidas de Vilariño as que había que darlle forma, a ver como podemos facelo para publicalo”, e así empezaba todo.

 

 

“Eu entrei na parte final dalgunhas recollidas que fixemos”, engadía Carlos X. Ares, “o traballo máis forte de recollidas fíxoo Jose, eu engadín unha achega de tratar de facer unha interpretación de todas as lendas e o recollido dende un punto de vista un pouco máis teórico e de facer análises comparativas con outros lugares, unha parte que me parece moi importante para entender que o que sucede aquí tamén acontece noutros sitios e realmente sucede por algo”.

 

 

E finalizaba asegurando que “este libro é da xente de Vilariño porque foi a que nos nutriu de toda a información, foi un pracer chegar ás casas e ver como se abrían as portas, e todo o que fixera falta” e agradecía a ilusión coa que agardaban a saída da publicación. “A xente séntense identificada no que se conta pero tamén en ver como se plasmou o que nos contaron e os seus nomes”.

Na presentación tamén interviñan Rafael Quintía, quen animaba “a que poidades acceder ao libro, lelo e así seguir afondando no coñecemento da nosa terra”; Justo, quen recoñecía que inicialmente non coñecía aos autores do libro, e Xosé Poldras. O acto estaba ademais acompañado pola actuación do o grupo de pandeireteiras de Vilariño, Ailalás.

Fotos: A.R./ Carlos G. Hervella.

Vídeos: O SIL.

 

 

Back to top button