Catas, maridaxes, showcookings, concurso, unha ruta de petiscos, música e a posibilidade de degustar os viños de ata 18 adegas valdeorresas. Son algunhas das propostas da XXVI Feira do Viño de Valdeorras, cuxas casetas poderán visitarse do 31 de maio e 1 de xuño na praza Otero Pedrayo de Viloira (O Barco) e cuxo programa desvelaba esta mañá Marcos Prada Ginzo, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, en rolda de prensa.
“Esta será a miña primeira feira do viño como presidente da D.O. Valdeorras. Se o ano pasado tivemos un programa de luxo, neste ano non podiamos quedarnos atrás, así que desfrutaremos dos nosos mellores viños, en compañía da mellor música, actividades para os máis pequenos, catas maridadas, un showcooking e unha progeira de excepción, Teresa Portela, a inspiración pura, ademais a través dun deporte de gran tradición na comarca como é o piragüismo”, comentaba Marcos Prada Ginzo, acompañado polo alcalde do Barco, Alfredo García na presentación. O seu pregón está previsto para o sábado 31 de maio ás 12:30h. na praza de Viloira.

Ademais destacaba que esta é a feira “máis madrugadora de todas as que se levan feito porque en realidade os actos comezan o 27 de maio coa posta en marcha da ruta dos pinchos que a D.O. organiza xunto á AEVA. Estamos moi contentos de que tras cinco anos de parón volva esta ruta e tamén de que regrese o mundo da cultura da man do director de cine Rodrigo Marini, o venres 30 de maio proxectarase no Teatro Lauro Olmo a súa curtametraxe Dragón Blanco“.
Por outra banda, destacaba, entre outras iniciativas as catas e a primeira edición do Concurso de Albóndegas, que se realizará en colaboración con Turismo de Galicia. “A nota musical da celebración porana as charangas Bicoia, o sábado, e Tatoo, o domingo. O prato forte virá co concerto do grupo Dani Barreiro & Friends, o sábado ás 23h.”. Por outra banda, haberá actividades infantís nos xardíns da Casa Grande de Viloira, con inchables e monitores de animación.
“E para aqueles que queiran achegarse para usar o seu vehículo, a feira porá a súa disposición, un ano máis o Expreso de Valdeorras, un tren con saída no pavillón de Calabagueiros e con paradas en moitos puntos da vila durante o horario de apertura do recinto feiral”, comentaba Marcos Prada, quen concluía que “dende a D.O. esperamos estar á altura e que os visitantes se leven unha moi boa experiencia da nosa festa por excelencia, a Feira do Viño de Valdeorras”. Ademais agradecía a colaboración do Concello coa mostra.
Pola súa banda, o alcalde do Barco, Alfredo García, incidía en que “a feira do viño xa é unha festa que está perfectamente integrada dentro do conxunto do ano no Barco, é unha das grandes festas dos grandes fins de semana do ano. E O Barco se felicita de que nun determinado momento o consello regulador decidira que a feira se celebrase aquí”.

Ruta dos pinchos da Feira do Viño
Entre as novidades desta edición da mostra figura a recuperación da Ruta dos Pinchos da Feira do Viño de Valdeorras, que se celebrará entre o 27 e o 30 de maio por diversos locais de hostalaría do Barco e da Rúa, polo de agora non está pechada a participación, pero xa se conta cuns 14 establecementos confirmados.

Adegas participantes
Nesta edición o público que se achegue ata o recinto da mostra valdeorresa poderá catar os viños de ata 18 adegas da D.O. Valdeorras: A Bágoa, A Coroa, Alan de Val, Arnadoval, Melillas-Lagar do Cigur, O Casal, O Cepado, Quinta da Peza, Barón do Sil, Cooperativa Xesús Nazareno-Vinos Barco, Godeval, Roandi, Sampayolo, Santa Marta, Cova da Xabreira, D’Berna, Viña Costeira, Virgen del Galir.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeo: O SIL.

