Un arco coidadosamente engalanado con globos de cores á entrada do CEIP Manuel Respino da Rúa recibía aos arredor de 800 participantes na XXIV Convivencia de Educación Infantil que nesta mañá cobraba vida neste centro valdeorrés. Xusto á beira dese arco un gran panel anunciaba a temática desta edición “Ciencia e conciencia”, na que Cholo e Nela, xunto aos meniños e meniñas xogaban a ser científicos e científicas e a experimentar, desenvolvendo o seu enxeño e creatividade.
Os nenos ían chegando por grupo, xunto aos seus profesores, mais e pais e recibían unha credencial. A partir de aí xuntábase no patio do colexio, cunhas instalacións decoradas tematicamente con mimo para a ocasión, de cara a esperar unha agardada e ansiada visita: a de Cholo e Nela, protagonistas da convivencia.
Entre tanto, varios dos organizadores da convivencia subíanse ao escenario para anunciar a chegada de Cholo e Nela, que se ían abrindo paso entre apertas e caricias dos máis pequenos. Unha vez no escenario, interpretábase a canción da convivencia deste ano, que se estreaba nese intre e na que se enxalzaba os valores científicos.
Despois, un dos organizadores anunciaba as rotacións de cada un dos grupos xunto coa guía que tiñan asignada e comezaba o percorrido polas diferentes zonas da convivencia e polas súas actividades: obradoiros, contacontos, área de inchables e zona de exhibicións cun despregue de diversos medios e equipos de diferentes unidades da Garda Civil, Protección Civil da Rúa, Ambulancias Sil. Tamén se contaba coa presenza da Policía Local da Rúa.
Entre os asistentes a esta convivencia estaba, entre outras autoridades, o secretario xeral da Lingua, Valentín García. Dunha maneira divulgativa, didáctica e lúdica, esta convivencia percorría “o mundo e a historia detrás da busca científica, espertando a curiosidade dos nenos e nenas dende o traballo compartido das familas e as mestras e mestres. Á vez, búscase promover o uso do galego e visibilizar á muller na ciencia en Galicia”, sinalan os promotores da cita.

Ademais, a convivencia inclúe unha actuación do grupo de Cholo e Nela, coa canción deste ano e tamén con outras anteriores e tamén do disco “Camiños de ida e volta”.
Nesta edición reuníanse unha ducia de centros de ensino do oriente ourensán: os CEIPs Julio Gurriarán, Condesa de Fenosa, Otero Pedrayo e Colexio Divina Pastora do Barco, o CEIP Virxe do Camiño de Rubiá, o CEIP X. M. Folla Respino de Vilamartín, o CEIP Manuel Respino e o Colexio Pablo VI-Fátima da Rúa, así como o colexio de Casaio e CPI Terrón Mendaña (Carballeda de Valdeorras), e os colexios da Veiga, Manzaneda e Trives. Tamén participaba o colexio de Cubillos del Sil (León).
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, salientba na Rúa a importante contribución para “pór en valor o galego dun xeito lúdico e educativo entre a cativada” da xornada de convivencia Cholo e Nela Ciencia e Conciencia, que se desenvolveu hoxe no colexio Manuel Respino, do municipio ourensán da Rúa, coa participación de 500 rapaces de 18 centros de Educación Infantil da provincia de Ourense, que estiveron acompañados polos seus mestres e por 300 pais e nais.
Tamén enxalzou a “enorme implicación” da comunidade educativa en todas as convocatorias destas xornadas, que este ano chega á edición número 24. “Trátase de conseguir dinamizar a comunidade escolar de distintas contornas, pero con necesidades semellantes, a través de temáticas transversais, como o respecto ambiental, e sempre afondando nelas en galego e co ánimo de aprender desde o divertimento”, explicou Valentín García sobre esta actividade impulsada polo seu departamento.
Fotos: A.R.
Vídeos: O SIL.
