Na mañá deste mércores 28 de maio o Quinto Batallón de Intervención en Emerxencias (BIEM V) instalado estes puxo en práctica na Rúa un exercicio de coordinación cos efectivos autonómicos na simulación dun incendio forestal, ao que asistían o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez.

Acompañado polo subdelegado de Defensa en Ourense, o Coronel Jesús Antonio Peñas, Eladio Santos destacou que a presenza da UME na provincia, onde estará ata o 30 de maio, “é un motivo de tranquilidade” xa que “detrás de cada adestramento hai un esforzo constante de preparación, de coordinación e de compromiso cos ourensáns e ourensás”, agradecendo “o intenso traballo” que fai a Unidade Militar de Emerxencias (UME) na loita contra os incendios forestais.

Ao respecto, o subdelegado do Goberno lamentou que a provincia de Ourense é unha das máis castigadas polos incendios forestais. “Na última década (2015-2024) a provincia rexistrou 6.618 lumes forestais e foron calcinadas 102.421,16 hectáreas, o 55% da superficie queimada en Galicia”, sinalou. Por iso, ncidiu en que o labor de prevención, adestramento e resposta rápida que fai a UME é “esencial” e defendeu que “neste tipo de operacións queda claro que o gasto en defensa é prioritario”. “Este exercicio que hoxe presenciamos é unha simulación, pero tamén unha mostra clara de como se prepara unha unidade que actúa con eficacia, disciplina e valor cando a emerxencia é real”, remarcou.

O subdelegado sostivo que “o compromiso do Goberno de España nesta loita é total”. “O traballo incansable de prevención que fai o Executivo levou ao Ministerio do Interior a adiantar a campaña estival contra incendios ao 1 de xuño, cando se viña facendo o 15, debido á previsión meteorolóxica”, explicou. Neste sentido, destacou a importancia da colaboración entre Administracións, como proba a manobra de coordinación entre os efectivos da Xunta e a UME. O subdelegado expresou que o Estado activa unha vez máis tódolos mecanismos da súa titularidade, como poden ser o Exército, a Garda Civil, a Policía Nacional e Protección Civil para completar os medios da Comunidade Autónoma que ten as competencias nesta materia.

A conselleira do Medio Rural asistía aos exercicios de instrución e adestramento organizados pola UME nos que participan membros do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF) da Xunta, acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, resaltando a “importancia da formación para analizar e mellorar a resposta coordinada dos diferentes corpos e servizos que interveñen na prevención e extinción dos lumes forestais”.

María José Gómez lembrou que a Consellería do Medio Rural desenvolve un completo programa de formación que conta cun orzamento de “1,8 millóns de euros para o bienio 2025-2026, o que supón un incremento do 23,5% en comparación cos datos de 2024”. Este programa ten como fin actualizar os coñecementos do dispositivo para mellorar a súa aptitude profesional e integrar diferentes procedementos operativos e manobras máis adaptados aos incendios actuais. “Con estes fondos financiarase a realización de cursos e accións formativas ao longo deste bienio. Neste sentido, este plan formativo está estruturado en seis actuacións que inclúen un catálogo de cursos monográfico; un itinerario formativo profesional; xornadas de adestramento para os profesionais do SPIF; formación para as entidades locais e a poboación e, por último, un programa de divulgación centrado en actividades de sensibilización pública”.

Pladiga 2025
Este plan de formación forma parte da actualización do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) correspondente ao ano 2025, que procura “reducir o máximo posible, tendo en conta os recursos dispoñibles, as consecuencias ecolóxicas, económicas e sociais producidas polos incendios forestais”, lembrou a conselleira.

Entre as súas principais novidades, destacan a creación dunha ferramenta que permita coñecer o risco de incendios nas provincias de Ourense e Pontevedra. Trátase de determinar cales son as áreas nas que formular estratexias preventivas que contribúan a diminuír tanto o número de lumes como a superficie queimada no caso de que se inicien. Increméntase tamén a superficie xestionada en materia de prevención, coa elaboración dos plans concretos dos seis parques naturais de Galicia, como áreas de actuación singularizada e buscando sempre a compatibilidade entre a protección do patrimonio natural e a prevención do lume.

Xornadas de adestramento organizadas pola UME
No marco da xornada de adestramento que se desenvolverá ao longo do día de hoxe o persoal do SPIF participará nunha práctica sobre o manexo de ferramentas manuais e mecánicas para roza e movementos por pistas forestais con motobombas. Realizarase tamén un simulacro de incendio forestal, co obxectivo de integrar os diferentes dispositivos como nunha situación real.

O SPIF seguirá colaborando coa UME nos vindeiros días, durante o seu exercicio de instrución e adestramento que se está a desenvolver esta semana na provincia de Ourense, co obxectivo de seguir afondando na boa coordinación e compenetración destes dispositivos na extinción dos lumes forestais.
Ao respecto, o coronel Jesús Antonio Peñas destacou o feito de ter tantos militares na provincia de Ourense, pasamos dos 6 habituais a case 400. “O lema da UME é ‘para servir’, pero para que sexa eficaz o V Batallón de León neste caso, ten que facer exercicios, practicar e coordinarse cos distintos actores sobre o terreo para que, chegado o momento dunha emerxencia, poidan entrar directa e eficazmente”, dixo, loando os exercicios que están levando a cabo en toda esta zona. “Todo o suor empregado nas maniobras vai dirixido a reducir riscos e mellorar a eficacia durante as catástrofes e para iso fixeron e seguen facendo moitos e variados exercicios en numerosos campos”, concluía o coronel.

Fotos: Carlos G. Hervella.



