
A Casa da Cultura de Quiroga acolle este sábado 31 de maio a proxección dun traballo audiovisual que realizaron os reporteiros belgas Michèle e Jean Meuris trala súa viaxe por Galicia no 2023.
Aproveitando a súa estancia esta fin de semana pola Ribeira Sacra e as terras de Quiroga realizarán unha proxección aberta ao público da man da Asociación Sociocultural Boca do Monte dos Anguieiros (na parroquia de Montefurado) que terá lugar no Salón de Actos da Casa da Cultura de Quiroga ás 18h.

“Galicia. Traballo, fervor e tradicións” é un traballo audiovisual que recolle a viaxe desta parella para coñecer lugares, formas de vida e tradicións, e que en outono do 2023 os trouxo a terras quiroguesas onde viviron unha xornada de preparación e celebración do Magosto nos Anguieiros da man da Asociación Sociocultural Boca do Monte. A experiencia foilles tan gratificante que daquela xa “prometeran” volver por estas terras para facerlles chegar o traballo en persoa aos anfitrións e poder realizar un pase-presentación do mesmo, pois parte da gravación foron vivencias coa veciñanza dos Anguieiros.
Esta reportaxe de Michèle e Jean Meuris está sendo proxectada dende marzo deste 2025 en diferentes lugares de Bélxica e do norte de Francia.



