O triatleta ourensán Xandre Álvarez, do Natación Pabellón Ourense, asinaba unha das grandes xestas do tríatlon galego e nacional en Oropesa del Mar (Castellón), logrando unha espectacular 4ª posición no Campionato de España de Tríatlon de Longa Distancia (distancia Ironman), na súa estrea na distancia.
Tal como explican dende o club, durante toda a competición, Xandre mantívose en posicións de podio, demostrando unha madurez e fortaleza impropias dun debutante. “A súa actuación tivo un notable impacto no panorama do tríatlon español, elevando o seu nome e o do Club Natación Pavillón Ourense un club modesto (en tríatlon) e sen apenas tradición en probas de longa distancia, aos primeiros planos do deporte nacional”, din, asegurando que a importancia desta fazaña vai máis aló do resultado. “Nunha cidade como Ourense, sen competicións oficiais de tríatlon e con escasas licenzas federativas, ver como un canteirán formado desde a base logra un fito desta magnitude é motivo de orgullo para todo o deporte local”.

Dobre reto: Ironman e Campionato de España Olímpico nunha semana
Pero o esforzo de Xandre non terminaba en Oropesa. Só unha semana despois de completar un Ironman, o ourensán competía na proba elite do Campionato de España de Tríatlon en distancia Olímpica celebrado na Coruña, conseguindo un máis que meritorio Top 20, confirmando así “o seu excelente estado de forma e a súa capacidade para competir ao máis alto nivel en diferentes formatos de carreira”.
Bos resultados tamén en categorías xuvenís
Na mesma cita coruñesa, o Natación Pabellón Ourense tamén estivo representado na categoría xuvenil distancia sprint, con dúas actuacións destacadas. Álvaro Cobelas logrou unha sólida 19ª posición, consolidándose como un dos mozos con máis proxección da canteira. Martín López, nunha proba con gran participación, cruzou a meta na 68ª posición, acumulando experiencia en competición nacional.
Desde o CNPO destacan que estes resultados non son casualidade. “Son froito do traballo diario, do compromiso de adestradores, familias e deportistas, e dunha aposta decidida polo tríatlon como parte esencial do noso proxecto formativo. O dos nosos xuvenís é unha promesa de futuro”, din, asegurando que seguen crecendo e seguen soñando”.

Fotos cedidas.



