DeportesMontañismoÚltima hora

As inscricións para o IV campamento infantil de espeleoloxía Águilas Verdes abriranse na medianoite do luns 9 de xuño

A cita será na fin de semana do 21 e 22 en Covas (Rubiá) e contará coa visita do GREIM de Trives

Entrando a unha cova o ano pasado./ Foto cedida.

 

Dada a boa acollida das anteriores edicións, o GEM (Grupo de Espeleoloxía e Montañismo) Águilas Verdes de Rubiá organiza, en colaboración co Concello, o IV Campamento Infantil de Espeleoloxía que terá lugar na fin de semana do 21 e 22 de xuño, tendo como base de operacións o refuxio de Covas.

Trátase dun campamento dirixido a nenos e nenas de 7 a 14 anos con prazas limitadas a 20, cun custo de 15 euros para os socios de 30 euros para os non socios. O prazo de inscrición abrirase o luns 9 ás 00:00 horas.

Mantendo a dinámica dos anos anteriores, a recollida dos nenos farase o sábado ás 9 da mañá no bar de Covas e xa a partir das 10 horas comezarán as actividades. Ao longo da mañá e por segundo ano esperan contar coa visita do GREIM (Grupo de Rescate e Intervención en Montaña) con base en Trives que fará unha exhibición, e pola tarde, tras o xantar, están previstas saídas en kaiak, unha das actividades que máis gusta aos nenos que adoitan repetir ano tras ano e a visita ás covas de Cubelas e Pombeira. Pola noite, a cea será no refuxio onde tamén pernoitarán tralos xogos nocturnos cos que pecharán a primeira xornada.

 

 

O programa do campamento retomarase na mañá do domingo co almorzo, seguido de diversas actividades entre as que está o concurso de nos e o xantar ao que asistirán os pais e nais dos cativos participantes. Cara as 16:30 horas será a clausura coa entregas de diplomas e despedida.

Transmitir aos máis pequenos a importancia de protexer, conservar, preservar, desfrutar e coidar do medio ambiente, ao mesmo tempo que se lles introduce en deportes como a espeleoloxía ou o kaiak nun entorno natural de gran valor como o do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá), son os obxectivos cos que nacía esta iniciativa hai xa catro anos, xusto despois da pandemia de Covid, e que esperan manter. “É unha experiencia moi boa, para nós pero sobre todo para os nenos que desfrutan moito polo que non pensamos deixalo”, aseguran dende Águilas Verdes.

 

Visita do GREIM de Trives o ano pasado./ Foto A.R.

Artigos relacionados

Back to top button