Purificación do aire, aroma natural e relaxante, combustión máis limpa, durabilidade e apoio á apicultura sustentable. Son as principais cualidades que fan das candeas de cera de abella, unha “excelente opción para crear ambientes cálidos e relaxantes, con beneficios adicionais para a saúde e o medio ambiente dende a autenticidade, a paciencia e a calma”.
E para aprender a elaboralas, a Asociación Valdeorresa de Apicultores organizaba un interesante e completo obradoiro que tiña lugar na tarde deste sábado 7 de xuño no Centro Sociocultural Santa Lucía, en Vilamartín de Valdeorras.
Alí, da man de Juan Carlos Rodríguez Lista e Gloria Allegue Vázquez, os asistentes descubrían o proceso de elaboración de candeas de diferentes formas e aromas a partir dun gran bloque de cera de abella. Comezando por derretela para despois colocala nos moldes podendo engadir aromas e mesmo outros produtos como flores ou follas secas.
Ademais da parte práctica, cada asistentes recibía un documento con toda a información para a elaboración das candeas con cera de abella limpa e previamente fundida. Dende o material (cera, mechas de algodón, fundidor de cera, moldes, pinturas, esencias,…) ata o proceso, paso a paso, incluíndo outro tipo de información sobre os pábilos ou mechas, os moldes, os desmoldeadores, os perfumes,… Tamén diferentes formas de elaborar candeas como por inmersión.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.



