En torno á exaltación de tres produtos agrarios de referencia en todo o sur de Lugo e máis concretamente no concello de Ribas de Sil, nace a Festa da Cereixa que este ano cumpre vinte e un anos. Dúas décadas ao longo das cales, mantendo o reclamo das exquisitas cereixas, foron introducindo a posta en valor do aceite e dos viños.

Aínda que sempre estivo vencellado dende a Concellería de Cultura, esta é a primeira edición con Roberto Castro á fronte da alcaldía e el mesmo explica que nestes vinte e un anos a Praia Fluvial de San Clodio na que se celebra a festa “acadou unha boa promoción, e iso nótase ben, sobre todo na afluencia de xente, tanto á propia festa, como na cantidade de persoas que nos visitan durante todo o ano”.
Por iso, dende o Concello afrontaban esta nova cita “con ilusión e forza, pensando, coma no primeiro ano, en poñer en valor os nosos productos e en potenciar turísticamente a Praia Fluvial, ao mesmo tempo que tentamos desfrutar duns días de festa en compañía de amigos e familiares”. E así o facían mantendo un nivel de stands e de produtores locais que nesta fin de semana se reunían de novo na XXI edición da festa Festa da Cereixa de Ribas de Sil, enchendo de vida a beira do río Sil.
O recinto feiral abríase xa o sábado pola mañá con degustación de cereixas dos tres produtores cos que contan actualmente Quique e Joaquín Vidal de Casares e Miguel A. Rodríguez de Figueiredo; e demais produtos típicos (artesanía, froita, queixos, artigos de decoración,…), pero o acto central deste domingo 8 de xuño era o pregón, a cargo de José Tomé Roca, presidente da Deputación Provincial de Lugo.

Neste animado e caluroso día a animación musical corría a cargo da charange Km 0 que actuaba antes e despois do pregón. Destacada foi tamén a actuación do grupo de baile Foliada do Río Grande de Vimianzo que facía unha espectacular e innovadora actuación que engaiolaba aos asistentes. Pola tarde, volvía actuar a charanga poñendo o fin de festa Rafa Aguilar de Radio Monforte.

Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: Mónica G. Bellver.



