
Ao longo de 2024, 450 ourensáns recibiron un diagnóstico de cancro de próstata, o tumor máis prevalente en homes, que en Ourense conta cos recursos máis avanzados para o seu diagnóstico e tratamento, dun xeito personalizado en función das necesidades de cada paciente e do tipo, extensión e evolución do tumor.
Este mesmo ano, o Servizo de Oncoloxía Radioterápica -que atende a máis de 280 pacientes de cancro de próstata anuais- implantou unha innovadora técnica: a Radioterapia Estereotáctica fraccionada (ou SBRT) que permite a administración de doses altamente precisas en tan só cinco sesións, reducindo notablemente a duración dun tratamento que podía durar de un a dous meses.
Esta nova modalidade ofrece resultados prometedores en termos de eficacia e calidade de vida aos pacientes, e está indicado en estadíos precoces da enfermidade, cando as probabilidades de curación son mais elevadas, e que a día de hoxe representa a maioría dos novos casos.
A incorporación da SBRT a carteira de servizos de Oncoloxía Radioterápica requiríu dun intenso traballo en equipo, onde participaron os servizos de Radiofísica e Uroloxía. A SBRT consiste nun tratamento guiado por imaxe, polo que é necesaria a colocación duns marcadores radiopacos dentro da próstata. Este delicado proceso o realizan os urólogos en quirófano, coa axuda dun ecógrafo, o que facilita unha precisión milimétrica do posicionamento.
Ao concentrar a dose nunha área máis pequena, tamén se minimiza o risco de dano aos tecidos sans, e posibles efectos non desexados, como incontinencia urinaria ou disfunción eréctil, que as veces poden ser secundarios a estes tratamentos.
Ourense conta con dous aceleradores lineais de última xeración, que dispoñen de feixes de radiación de alta enerxía, o que permíte administrar altas doses de radiación en moi pouco tempo, reducindo significativamente tanto a duración das sesións, como o número destas.
Traballo en equipo. Tratamento personalizado
O traballo en equipo é unha constante do manexo dos tratamentos oncolóxicos, de feito o Hospital Universitario de Ourense conta cun Comité de Tumores Urolóxicos, de longa traxectoria -foi un dos primeiros en constituirse a nivel autonómico- formado polos referentes de Uroloxía, Oncoloxía Radioterápica, Farmacia, Anatomía Patolóxica, Oncoloxía Médica e Radiodiagnóstico. Este Comité multidisciplinar reúnese unha vez a semana para decidir a abordaxe mais indicada a cada paciente, tendo en conta a súa situación clínica, o tipo, extensión e evolución do tumor.

Ademais de Uroloxía e Oncoloxía Radioterápica -xunto ao traballo indispensable dos servizos de Anatomía Patolóxica, Radiodiagnóstico, Medicina Nuclear e Farmacia- a Oncoloxía Médica tamén ten un papel clave no tratamento do cancro de próstata metastásico, no que o paciente se pode beneficiar de tratamentos farmacolóxicos como a terapia hormonal e a quimioterapia, que as veces se poden combinan con tratamentos cirúrxicos ou radioterapia.
Nos ultimos anos, estanse desenvolvendo novas terapias farmacolóxicas dirixidas, que permiten mellorar a calidade de vida dos pacientes e aumentar a supervivencia en casos avanzados. Nesta liña de avances científicos, na actualidade este servizo participa nun estudo clínico internacional, que axudará a desenvolver tratamentos máis eficaces.