Cumprindo co pacto de alcaldía rotatoria asinado nas eleccións municipais de 2023, entre PSdeG PSOE e Somos O Bolo e, trala renuncia do socialista Alberto Vázquez que gobernou os dous primeiros anos, o independente Miguel Ángel García Fariñas é dende hoxe o novo rexedor do Bolo.
O rápido pleno de investidura, celebrado na mañá deste luns 23 de xuño, desenvolvíase con total normalidade e sen sorpresas. Con catro votos (de Somos O Bolo e PsdeG-PSOE) para Miguel e tres (do PP) para Antonio López, o independente Miguel A. García era proclamado alcalde recollendo o bastón de mando.
Antes de xurar o cargo e levantar a sesión, o xa novo alcalde daba as grazas aos que “no seu día confiaron en nós para que puderamos chegar aquí” e tamén aos socialistas do equipo de goberno, especialmente a Alberto “porque conseguiu abrir este Concello e facer actos, aproveitando os recursos que temos”.


Miguel lembrou moitas das accións levadas a cabo durante os dous últimos anos, como obras, rutas de sendeirismo, buscar xacementos arqueolóxicos que hai no municipio e sobre todo “abrir o Concello a moitos eventos, preocupándose pola xente dos pobos e levándolles un pouco de alegría aínda que sexa con actos sinxelos como as visita dos Reis Magos, ademais de actos culturais e deportivos”, dixo, asegurando que agora daranlle continuidade.

Tamén avanza que manterán reunións nos diferentes pobos para coñecer as demandas e preparar proxectos de cara ao ano que vén. Recoñece que dos 28 pobos, máis da metade están en moi mal estado en canto a infraestruturas porque “arrastramos moito tempo sen mirar para eles e o presuposto é o que é (1.140.000 euros), polo que tocaremos as portas noutras Administracións para poder facer as cousas ben”, di Miguel. A media é de “2-3 proxectos benfeitos porque non queremos parchear senón desenvolver os proxectos enteiros e para este ano están Chao do Castro, Valdanta e Celeirós”, puntualiza Mayra
Mattínez, asegurando que intentarán facelo o mellor posible.

De cara recuperar poboación, dende a alcaldía téñeno claro. “O primeiro é arranxar vivendas para a xente que veña de fóra, non só no Bolo senón nos pobos porque hai moita vivenda baleira”, din Miguel e Mayra, priorizando os edificios que xa son dos Concello, “varios pisos e a casa cuartel que xa conta cunha sala polivalente, sen descartar as casas en mal estado polas diferentes aldeas”, din, adiantando que lle darán o seu “toque” a certos proxectos mantendo os pactados hai dous anos co PSOE, e que “seguramente nos volvamos presentar para as vindeiras eleccións”.


Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: Mónica G. Bellver.