En portadaÚltima horaVídeos

As traballadoras do SAF de Viana concéntranse para insistir en que se licite o servizo

"Sabedes que somos necesarias, sabedes o que facemos por vós e tamén que temos os nosos dereitos", dicían durante o acto, que se iniciaba ás 11h. na praza Maior da vila

Ata praza Maior de Viana do Bolo levaban esta mañá de 2 de xullo as súas reivindicacións as traballadoras do Servizo de axuda ao Fogar deste municipio, que están en folga indefinida dende o pasado 16 de xuño. Celebraban unha concentración ás 11h., na que eran arroupadas por veciños e tamén polos propios usuarios do programa, para pedir que o Concello licite este servizo.

“Sabedes que somos necesarias, sabedes o que facemos polos nosos maiores e tamén sabedes que temos os nosos dereitos, que non estamos aquí porque queremos, senón porque non nos deixaron outra opción, non nos deron unha solución. Estamos aquí loitando polos nosos postos de traballo e por unhas condicións dignas de traballo e polos nosos maiores, aos que coidamos”. Así o sinalaba, a modo de manifesto, durante a concentración a represantante das traballadoras, que expoñía a problemática na que se atopan. E insistían en pedir “menos política e máis negociación” para pode resolver a problemática actual.

Ademais expresaba o agradecemento por todo a apoio e respaldo que están a recibir da sociedade vianesa.”Veu a concentración moita xente maior, e iso que se convocou con moi pouco tempo. Por iso moitímas grazas á xente que nos está apoiando, que está aí con nós. Sentímonos moitas veces moi soas e hoxe vimos que non estamos tan soas, e iso para nós é un chute de enerxía saber que están con nós”.

Ver vídeo

A intención das traballadoras é continuar loitando ata lograr o seu obxectivo: a licitación do servizo, xa que, polo de agora, non se produciu ningún tipo de avance. “Seguiremos en folga indefinida e estamos máis fortes e máis unidas que nunca porque tamén vemos o apoio da xente, e iso aínda nos fai máis fortes. Imos continuar ata lograr que nós esteamos ben no noso traballo e, así, poder coidarvos moito mellor”.

Despois da concentración, as traballadoras do SAF dirixíanse ao Concello de Viana do Bolo onde saía o alcalde, para reunirse con elas, “pero a súa resposta foi a mesma, o que levamos escoitando dende hai un ano, pero non hai avance ningún”.

 

 

As traballadoras van continuar coa folga e tamén organizando novas mobilizacións. “Imos reunirnos e de aí vai saír a data da nova concentración, que será en breve, a menos que haxa unha solución antes. E imos seguir facendo cousas, dende logo non nos imos a render, iso si que o temos claro”, conclúa a súa representante.

Fotos e vídeo cedidos.

 

Back to top button