
A Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras ten programado o traslado de Pediatría e de Xinecoloxía neste mes de xullo, desde o Materno Infantil ao Hospital Xeral, co obxectivo “de garantir a mellor asistencia aos pacientes. Un investimento de máis de 2,7 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia nas reformas precisas está a permitir dar resposta á necesidade de traslado, mentres se avanzan nas obras de mellora e ampliación do Hospital Universitario de Ourense, recollidas no Plan Director”.
Este investimento, explican dende a área sanitaria, permitiu a reforma das plantas primeira e cuarta do hospital xeral para acoller as unidades de hospitalización e de apoio de pediatría, obstetricia e xinecoloxía, e adaptar de xeito provisional a Unidade de Cirurxía Maior Ambulatoria (CMA) como paridoiro, durante uns meses ata o remate da nova unidade de obstetricia prevista no edificio cirúrxico.
A vinculación entre ambos os servizos “fai preciso un traslado en bloque, que se realizará este mes de xullo para, seguidamente, proceder ao inicio das obras de reforma integral dunha nova área de obstetricia, de máis de mil metros cadrados, onde actualmente está Anatomía Patolóxica. Esta actuación, prioridade 0 dentro do Plan Director, permitirá dispoñer -nuns meses- dun espazo funcional e adaptado ás necesidades da atención obstétrica e xinecolóxica de Ourense”, indica a xerencia da área.
A nova unidade de obstetricia contará con 4 quirófanos adaptados, 4 Unidades de Traballo de Parto e Recuperación (UTPR), sala de recuperación con tres camas, sala de cardiografía, baños, duchas, áreas de traballo e preparación de pacientes, sala de urxencias e unidades de hospitalización de xinecoloxía e obstetricia. Todo iso na mesma planta que a unidade de hospitalización de obstetricia e os gabinetes e salas de traballo do servizo de xinecoloxía, situadas ademais no mesmo de edificio que neonatoloxía, pediatría e UCI pediátrica.
Durante a fase provisional dos paridoiros na CMA, a unidade de obstetricia contará con 2 quirófanos para partos e 3 salas de dilatación independentes, nunha área con baños propios e duchas, con acceso diferenciado do resto de pacientes da CMA, garantindo en todo o momento a intimidade e o confort das pacientes.
A planificación destes espazos provisionais realizouse tendo en conta a actividade asistencial do último ano e, como en calquera unidade asistencial, conta con plans de continxencia e expansión, para responder ás necesidades de espazo de xeito inmediato. Por suposto o Servizo de Xinecoloxía dispón de quirófanos asignados no bloque cirúrxico, onde desde hai anos realiza a súa actividade cirúrxica, tamén no quirófano robotizado.
Pola súa parte, pediatría pasará a ocupar integramente a cuarta planta do hospital xeral, ou edificio Cristal, no que se procedeu a habilitar as unidades de hospitalización, neonatoloxía e UCI pediátrica, esta última nun ala da recentemente renovada unidade de coidados intensivos, que vén de ser adaptada para poder beneficiarse dos últimos avances deste tipo de unidades de vixilancia intensiva.
Co traslado ambos os servizos accederán a unha nova área asistencial, recentemente renovada no núcleo Cristal-Cirúrxico, ben comunicada, moderna e completamente adaptada ás esixencias clínicas actuais, nas que a calidade asistencial e a seguridade segue sendo a prioridade absoluta. Todas as decisións adoptadas pola Xerencia teñen como obxectivo último garantir a seguridade, a dignidade e o benestar das mulleres, os neonatos e os profesionais, ofrecendo a mellor asistencia.
“Conscientes das incomodidades que sempre supoñen os cambios e os traslados para os profesionais, a Xerencia da área sanitaria quere agradecer a implicación e a colaboración de todos os servizos implicados nos cambios, nun momento clave para a evolución do Hospital Universitario de Ourense. Con este obxectivo como guía, o equipo directivo mantense aberto ao diálogo, á revisión continua e á incorporación daquelas melloras que contribúan a unha mellor atención sanitaria”, conclúe a xerencia.
