Dende xograres e xogos malabares, demostracións de fiadas, bolos, música e espectáculos de lume ata multitude de postos dos máis diversos produtos, todos artesanais. O XVII Mercado Medieval de Tremiñá-Veigamuíños, que se poñía en marcha ás 18h. deste 12 de xullo, é moito máis que unha feira. Esta iniciativa, promovida polo colectivo Tremiñá no Mapa, aposta por rememorar, con numerosas iniciativas culturais, pero tamén lúdicas e festivas, o pasado desta localidade. E, ademais, é unha proposta que nace da veciñanza e que desenvolve ela mesma.

Así na tarde deste sábado, Tremiñá-Veigamuíños volvía varios séculos atrás para recrear unha atmósfera medieval con rúas engalanadas con banderolas, cheas de postos de artesáns, demostracións de tecido e fiada, diversos espectáculos de rúa, ademais da recreación dunha leprosería xa que nesta edición do mercado esta doenza irrompe con forza na localidade.

Ao mesmo tempo, veciños e visitantes poden percorrer máis de 50 postos con diversos e deliciosos produtos gastronómicos (dende doce e licores ata mel), pasando por libros e multitude de obxectos de artesanía (en metal, lousa, madeira…), así como pintura e outro tipo de elaboracións artesanais. Non faltan tampouco os obradoiros, nin a posibilidade de visitar a taberna para tomar un grolo.

Ademais o Club Natación Valdeorras contaba cun expositor propio no que venda, entre outros produtos gastronómicos, paella.
Xa pola noite terá lugar un espectáculo de lume da mande “Alumearte” e, ás 23h., unha proxección de cine de verán: “Os cabaleiros da mesa cadrada”.
A mostra reabrirá as súas portas no mediodía do domingo cun programa cheo tamén de actos, entre eles as Olimpíadas medievais, pasarrúas, contacontos e, por suposto, a xa tradicional malla.
Fotos: A.R.
