EntrevistasÚltima horaVídeos

Merelles: “O concerto de Carlos Núñez foi o mellor colofón ao 400 aniversario do Santuario das Ermidas”

O director de Turismo de Galicia valoraba para O SIL o concerto deste gaiteiro, que facía vibrar ao público neste espazo valdeorrés tan emblemático

 

Os “Concertos do Xacobeo” da Xunta de Galicia achegaban a arte de Carlos Núñez, considerado como un dos mellores gaiteiros do mundo, ás Ermidas (O Bolo) coa súa nova e singular xira ‘Lugares Máxicos 2025″, que botaba andar precisamente deste conxunto relixioso do barroco.

 

 

Nesta actuación tan especial estaba presente o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, quen aseguraba dende o mesmo escenario, ao que era convidado a subir polo gaiteiro, que, “sen dúbida, este é un lugar máxico e é unha satisfacción poder ter contribuído á celebración deste concerto”. Despois, valoraba este espectáculo en declaracións ao Periódico O SIL.

 

 

– ¿Como viviu este concerto?

Foi unha honra ter a Carlos Núñez e aos seus músicos no adro das Ermidas iniciando a xira de “Lugares Máxicos 2025”. Trátase da primeira vez que se achega ao Bolo e a esta espectacular contorna e a verdade é que foi un concertazo, a xente palpitaba. Foi unha tarde tan marabillosa e creo que foi un colofón estupendo para a celebración do 400 aniversario da construción do Santuario das Ermidas.

 

 

– Este espectáculo chegaba aquí a través dos “Concertos do Xacobeo”…

Si para min como valdeorrés, e para a Axencia de Turismo de Galicia, incluílo dentro dos “Concertos do Xacobeo” tamén supón unha satisfacción porque este é un programa que vai levar a máis de 800 artistas por todo o territorio galego. É un programa expansivo por dicilo así, non só hai festivais nas grandes cidades, senón que en contornas como O Bolo, como As Ermidas, tamén se desenvolven actividades relacionadas cos “Concertos do Xacobeo”. Estamos moi orgullosos deste programa porque cada acontecemento que celebramos é un cheo absoluto, a proba vímola aquí nas Ermidas, neste 17 de xullo, con Carlos Núñez que logrou esgotar todas as entradas xa hai máis de 15 días.

 

 

– Esta podería ser a primeira vez que este adro acolle un concerto, ¿algo tamén que marca a diferenza?

Si, eu vía que a xente estaba moi expectante e o certo é que todo funcionou ás mil marabillas. Ademais descubrimos que o adro das Ermidas posúe unha acústica espectacular, e así nolo dicía o batería do grupo de Carlos Núñez, que isto é como unha cuncha, que é moi agradecido para os músicos.

Texto: A.R.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información e fotos:
https://osil.info/abertal-e-a-banda-de-gaitas-de-viana-subense-ao-escenario-con-carlos-nunez-nas-ermidas-o-bolo/

https://osil.info/carlos-nunez-abre-xira-nun-concerto-unico-nas-ermidas-o-bolo-cheo-de-sorpresas-e-emocions/

Back to top button