
O Hospital Universitario de Ourense dá un novo paso cara a unha mellor atención materno-infantil coa reforma integral dos espazos destinados aos servizos de Pediatría e Xinecoloxía-Obstetricia e a Unidade de partos, que estarán plenamente operativos a finais deste mes de xullo, como estaba previsto.
As obras, impulsadas pola Xunta cun investimento superior aos 2,7 millóns de euros, están a piques de completarse nas plantas primeira e cuarta do Edificio Cristal e na primeira planta do edificio cirúrxico. A súa posta en marcha suporá un salto cualitativo na calidade asistencial, grazas a instalacións máis modernas, accesibles e adaptadas ás esixencias clínicas actuais.
Un dos principais avances será a posta en marcha dunha área provisional de paritorios na Unidade de Cirurxía Maior Ambulatoria, mentres se remata a construción da nova unidade definitiva no edificio cirúrxico.
Este novo espazo contará con dúas salas de partos completamente renovadas e cinco salas de dilatación independentes, deseñadas para garantir a seguridade, o confort e a intimidade das pacientes. Cada unha destas salas disporá de acceso diferenciado e equipamento actualizado, ofrecendo un entorno acolledor e funcional para as mulleres.
A reorganización dos servizos permite, ademais, unha mellor coordinación entre Pediatría e Obstetricia-Xinecoloxía, ao agruparse en áreas contiguas con comunicación interna reforzada. Na cuarta planta do Edificio Cristal, habilítase a nova unidade de hospitalización pediátrica, neonatoloxía e unha UCI pediátrica integrada na unidade de coidados intensivos, mentres que na primeira planta acóllese a área de consultas, probas diagnósticas e hospitalización xinecolóxica.
Estas actuacións forman parte do plan de reorganización de espazos da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, co obxectivo de mellorar a atención integral á saúde da muller e da infancia. A reforma permitirá, ademais, iniciar as obras dunha nova área de obstetricia de máis de 1.000 m² no espazo ocupado actualmente por Anatomía Patolóxica, considerada prioridade cero no Plan Director.