En portadaÚltima horaVídeos

Día grande das festas en Petín coa solemne procesión de Santiago Apóstolo, sesión vermú e baile na praza

 

Petín viven nesta fin de semana por todo o alto as festas patronais, as grandes, na honra a Santiago Apóstolo e Santa Ana, cun variado programa de actos que comezaban onte e estenderanse ata mañá con moita  música, os cultos relixiosos e o deporte, cunha nova edición do torneo de tenis e o tradicional partido de fútbol sala.

 

 

O programa arrincaba na tarde noite do xoves día 24 de xullo con baile a cargo do grupo América SL que actuaba en sesión de tarde e verbena; e despois dunha noite chea de ritmo e luces chegaba a Petín o día grande e festivo galego, xornada na que toda Galicia rende culto a Santiago. Así a mañá deste venres 25 de xullo comezaba co pasarrúas a cargo da Charanga CLK e xa ás 13 horas os veciños levaban a imaxe de Santiago Apóstolo polas rúas da vila, nunha solemne procesión na que soaba novamente a música da charanga. De volta ao templo tiña lugar a eucaristía copresidida polo párroco de Petín, Daniel Pérez e polo párroco de Manzaneda, Carlos E. Salazar, cantada polo coro parroquial. Tralos cultos seguía a sesión vermú coa mesma charanga na praza, momento que a xente aproveitaba para tomar un aperitivo nos bares.

 

 

Hoxe o baile, tanto en sesión de tarde como na verbena, correrá por conta da orquestra Miramar que fará moverse ao seu ritmo aos veciños e visitantes na praza ata altas horas da madrugada.

 

 

Tamén a ritmo de charanga comezará o último día de festas, o 26 de xullo; e se o protagonista hoxe é Santiago Apóstolo, mañá seráo Santa Ana. A súa imaxe será portada ese día polos petineses na procesión que comezará tamén ás 13 horas. A comitiva relixiosa percorrerá a vila acompañada polo son da Charanga Achicoria ata rematar de novo na igrexa onde terá lugar a eucaristía cantada novamente polo coro parroquial. Esta mesma charanga animará a sesión vermú da última xornada de festa en Petín.

 

 

Despois, en sesión de tarde e verbena, actuará o grupo Cuarta Calle que regresa a Valdeorras para facer bailar aos asistentes. En xaneiro actuaba nas festas de Santo Tirso, en Veigamuíños (O Barco), contado entre o seus compoñentes cun dos mellores vocalistas da verbena, Jorge Ferre, ex cantante da Panorama e da Olympus, acompañado por sete músicos, outros cinco cantantes e catro bailarinas.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Back to top button