O evocador son da malladora escoitábase na tardiña do 26 de xullo nun prado acondicionado como “aira” de Bidueira (Manzaneda). Numerosas persoas, chegadas de diferentes partes do concello de Manzaneda e doutros veciños como Vilariño de Conso e Viana do Bolo, reuníanse a partir das 19:30h. para recrear esta faena tradicional na I Festa da Malla, que rendía unha especial e sentida homenaxe a Aquilino Pérez, un veciño desta localicadade que décadas atrás traballaba moi duramente nela, primeiro de forma manual e despois con maquinaria. De feito, tamén se rendía tributo ao tractor Barreiros e á máquina empregada nesta demostración, dos anos 80, recuperada e arranxada por Agustín, un dos fillos de Aquilino.
A malla, que permite separar a palla do gran, é un dos labores do conxunto de traballos que conforma a seitura ou colleita dos cereais, algo esencial décadas atrás tanto nesta aldea como no resto do rural galego. Inicialmente facíase de forma manual, pero a partir dos anos sesenta íanse incorporando as máquinas.
Nesta I Festa da Malla de Bidueira facíase unha demostración, na que podía verse como ao meter o cereal na máquina, por un lado saía o gran, que se ía depositando nun saco, e pola outra a palla. Con ela ía formándose, progresivamente o palleiro.
“Este é unha pequena homenaxe a vida de Aquilino e do Barreiros, non se sabe cal dos dous é máis duro. E, ao mesmo tempo, ofrecemos unha pequena demostración de como era a malla nos 80-90. Isto xa levaba tempo cocéndose e finalmente fíxose neste ano e a xente realmente está moi ilusionado”, dicía Agustín Pérez, promotor xunto á súa familia desta celebración, co apoio de veciños e amigos.
Un dos momentos máis emotivos producíase cando Aquilino se subía á máquina. Ademais dirixía, con moito sentimento, emoción e entre bágoas, unhas palabras aos asistentes. “Eu non espera isto de vós porque me parece que non son merecedor. Os anos están enriba, pero espero que poidamos volver outro verán. Espero que volvamos facer isto, pero cunha orquestra mellor”, dicía cun toque de humor, e “dando as grazas a todos ata o ano que vén”.
Esta I Festa da Malla incluía ademais exhibición de maquinaria e de vehículos antigos da zona. E, despois da recreación da malla, os asistentes compartían unha pancetada (cunha entrada de 10 euros), entre outros pratos, nunha carpa instalada na mesma aira. Non faltaba tampouco un inchable para os máis pequenos e, ao rematar a cea, había baile co Dj Pegasin que animaba a velada con música dos anos 80-90.
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

