Un equipo de máis de cincuenta profesionais do Hospital Universitario de Ourense completaba na mañá de hoxe o traslado das unidades do hospital materno-infantil ás novas instalacións do Hospital Xeral. Este operativo, que implicou o movemento de pacientes, equipamento clínico e persoal sanitario, foi posible grazas a unha planificación previamente deseñada que combinou eficacia, coordinación e antelación.
José Antonio Ortigueira Espinosa, Director de Atención Hospitalaria, e Josefa Rodríguez Araujo, Directora de Enfermaría da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras coordinaron este operativo que comezou as 9 horas da mañá e finalizou pasadas ás 12:30 horas sen ningún incidente e con exito na súa execución. O plan establecía a activación progresiva das distintas áreas asistenciais no novo edificio, permitindo manter a continuidade da atención en todo momento.
Detrás do éxito desta operación estivo o traballo conxunto dun equipo multidisciplinar formado por profesionais de enfermaría e facultativos dos servizos implicados, persoal de mantemento, técnicos de informática, Electromedicina, responsables de loxística, limpeza, servizo de admisión e as direccións e supervisores das áreas correspondentes. Todos eles participaron nunha planificación exhaustiva que levaba semanas en marcha. Segundo José Antonio Ortigueira “o obxectivo principal era garantir a seguridade das pacientes e a continuidade da actividade asistencial, e conseguimos ambas as cousas grazas a un traballo perfectamente engranado”, sinala unha das responsables da coordinación do traslado.
Durante o proceso, prestouse especial atención á preparación técnica das novas instalacións: equipos clínicos reinstalados, sistemas informáticos operativos desde o primeiro momento e espazos adaptados ás necesidades asistenciais. Ademais, establecéronse canles internas de comunicación entre os equipos dos dous centros para asegurar unha transición fluída.
O novo Hospital Xeral acolle agora os servizos de obstetricia, xinecoloxía, neonatoloxía e pediatría nun espazo máis moderno, funcional e accesible. Co traslado, dáse un paso adiante na reorganización da atención hospitalaria, cunha aposta clara pola centralización de servizos en contornos máis eficientes e humanizados.
O doutor Ortigueira salienta que “o traslado ao edificio Cristal do Hospital Xeral responde non só a unha cuestión estrutural, senón tamén a unha mellora significativa na calidade asistencial e funcional”.
Novas instalacións no edificio Cristal
Así na área de pediatría, ubicada xa na cuarta planta do Edificio Cristal, a hospitalización convencional sitúase agora nun contorno máis amplo e climatizado, mentres que os ingresos de saúde mental infanto-xuvenil contan con cuartos específicos. Tamén se unifican os coidados intensivos neonatais e pediátricos nun espazo común, renovado e con equipamento actualizado.
Na área de obstetricia, na primeira planta do Edificio Cristal, reorganízanse os espazos para favorecer a proximidade e a eficiencia asistencial. As novas habitacións están reformadas, humanizadas e inclúen salas de lactación e coidados infantís, mellorando a experiencia das xestantes.
Na área de partos, na primeira planta do edificio cirúrxico, a prioridade foi a seguridade clínica e arquitectónica. As novas instalacións, aínda que provisionais, superan en calidade ás anteriores: contan con cinco salas de dilatación, un paritorio e un quirófano climatizados, con luz natural e acceso directo á UCI neonatal. Todo iso permite garantir partos con privacidade, acompañamento e resposta inmediata ante urxencias.