Na mañá deste martes 5 de agosto, un equipo de profesionais de enfermaría do Centro de Saúde da Ponte acompañados por voluntarios da AECC, desprazáronse ata as piscinas municipais de Oira (Ourense) no marco da campaña de saúde comunitaria “Os Martes ao Sol”, co obxectivo de ofrecer á poboación consellos útiles para previr os efectos do exceso de calor, coincidindo coa activación das alertas amarela e laranxa en Galicia para os vindeiros días onde rexistraremos temperaturas cercanas aos 40º en varias zonas da provincia ourensá.

Ao longo da mañá, as profesionais sanitarias informaron aos usuarios das piscinas de Oira sobre medidas clave para protexerse fronte ás altas temperaturas: manter unha boa hidratación, evitar a exposición solar directa entre as 12 e as 17 horas, empregar crema solar, gorros e gafas de sol, vestir roupa lixeira, cómoda e de cores claras, e extremar as precaucións con persoas maiores, nenos/as e persoas con enfermidades crónicas.
Esta acción, que se desenvolve ao aire libre e en contacto directo coa cidadanía, forma parte da programación estival da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, centrada en levar a saúde fóra dos centros sanitarios e promover hábitos de vida saudables nos espazos públicos.
A campaña “Os Martes ao Sol”, liderada por persoal de enfermaría e residentes de enfermaría familiar e comunitaria, percorrerá durante os meses de verán diferentes espazos de baño da cidade, como Oira, Outariz ou o Muíño da Veiga, en colaboración puntual con entidades como a Asociación Española Contra o Cancro (AECC).

A visita deste martes coincide cun episodio de calor intenso, polo que “se fixo fincapé na importancia de previr os golpes de calor e outras complicacións asociadas ás altas temperaturas, especialmente nos colectivos máis vulnerables”. Dende o equipo de profesionais sanitarios fan “un chamamento á prudencia e ao coidado individual e colectivo nestas xornadas de risco”.
