Logo de verse na obriga moral de suspender a actividade prevista na comarca, tanto adestramentos como amigables de pretempada, en solidariedade cos afectados polo terrible incendio que arrasou Valdeorras, o Centro de Deportes Barco xogaba hoxe un partido moi especial.


Na tardiña deste sábado 23 de agosto o CD Barco enfrontábase no campo municipal de Calabagueiros ao CD Lugo B, na X edición do Memorial Miguel Fariñas ao que, como cada ano dende hai unha década, acudía a familia do homenaxeado. Un partido marcado pola traxedia que tamén serviu de homenaxe a todos os afectados en maior ou menor medida pola vaga de lumes, como un berro de esperanza.



“Estes días vivimos un dos peores incendios da historia de Galicia. O lume arrasou montes e viñas no Barco, A Rúa, Petín, Larouco, Peña Trevinca, San Vicente, Cernego, Santa Mariña,… Deixounos feridas profundas, pero non conseguiu apagar o máis forte que temos: a nosa unión”, lia unha afeccionada antes de comezar o encontro, en nome do club que agradecía publicamente “os labores a todos os brigadistas, bombeiros, UME, voluntarios e a cada veciño que coas súas propias mans defendeu a súa casa e a dos demais. Demostrastes que o verdadeiro corazón desta terra latexa na súa xente”.


Por iso, hoxe xogaban no campo do Barco algo máis que un partido. “Xogamos a esperanza dun futuro no que reconstruamos xuntos o que o lume tentou arrebatarnos”, no que cada aplauso servía como homenaxe aos que loitaron e un compromiso para coidar a nosa terra. “Valdeorras renacerá. E farao máis forte que nunca. GALICIA NON ARDE, QUEIMANA. Grazas, e forza Valdeorras”, berraban antes de dar comezo ao encontro.


Aínda que o resultado neste caso era o de menos, o trofeo quedaba na casa ao vencer os de Lino Estévez por 2-1, goles locais de Miguel Freiría e Sidibé na primeira parte.




Fotos: Carlos G. Hervella.