Arredor das 12:30h. deste 28 de agosto chegaban os Reis de España, Don Felipe e Dona Letizia, ao Centro de Coordinación do Distrito Forestal XIV Verín-Viana (no polígono de Pazos), no marco das visitas que nestes días están a realizar a zonas afectadas polos incendios forestais.
No decurso desta visita estaban acompañados pola ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Sara Aagesen, polos presidentes da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e do Parlamento de Galicia, Miguel A. Santalices, así como pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; e o delegado da Xunta na provincia, entre outras autoridades.
Tras visitar a sala de control, os Reis saudaban a algúns dos alcaldes das zonas afectadas da provincia de Ourense, e tamén intercambiaban saúdos e conversas cos representantes dos distintos equipos que participan nesta emerxencia.

O Rei Don Felipe comentaba que esta visita lle permitía comprobar a “gran cantidade de institucións que se involucran”, tanto estatais, como autonómicas, provinciais e municipais, nun operativo de emerxencia deste tipo e agradecía o seu labor e implicación. Destacaba o seu “recoñecemento pola labor tan abnegada, profesional e solidaria que desenvolveron” os equipos de emerxencia. Grazas por iso. Hai que lembrar prudencia, que esteamos sempre alertas e preparados porque en calquera lugar pode haber un incendio”.
Tamén a Raíña Letizia poñía en valor o traballo das diferentes persoas que formaban parte do operativo e amosaba a súa “gratitude, recoñecemento e tamén comprensión porque só cada un e unha de vós sabe o que tivo que pasar, as dificultades, superar as propias competencias e posibilidades para poder facer o traballo como fixestes. As persoas que non estivemos non o sabemos e só vós sabedes o que pasastes e tamén agora estades a pasar. Esa comprensión intúese, vese e recoñécese. Moitas grazas.”
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.


