
A histórica Bica de Trives converterase na protagonista dun doce ritual de celebración celeste. Tras os dous primeiros goles da tempada, un de Javi Rueda ante o Mallorca e outro do ourensán Hugo Álvarez contra o Betis, dúas bicas viaxan xa cara a Vigo para celebrar as primeiras dianas da tempada e endozar a busca dos goles nos seguintes partidos.
Este simbólico envío nace dun acordo entre a alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, e a presidenta do RC Celta, Marián Mouriño, logo da visita desta última á localidade durante o verán. O compromiso establece que, por cada gol que anote o conxunto celeste esta tempada, unha Bica de Trives chegará a Vigo para celebralo. Unha iniciativa que, ademais de dar ánimo ao equipo, servirá para promocionar este doce tradicional e emblemático grazas á visibilidade dun club como o RC Celta, o único equipo galego actualmente en Primeira División.
En Trives confían en que, co sabor inconfundible da súa Bica, mellore a fortuna do equipo neste inicio de tempada e se poida cumprir o soño europeo desta 25/26 na que o Celta regresa á UEFA.
Ademais, cada envío contará cun detalle especial: as bicas irán rotando entre todos os obradoiros de Trives, permitindo que cada celebración se enriqueza coa autenticidade e variedade dos fornos locais que manteñen viva esta tradición.
Con este doce xesto, o corazón de Trives latexa tamén en Balaídos, unindo gastronomía, identidade e fútbol nun mesmo sabor e sentir galego e celeste.