O salón de plenos de Viana do Bolo estaba neste mediodía de 5 de setembro cheo de público. Veciñanza e representantes políticos enchían este local que se convertía en escenario da moción de censura contra o alcalde popular Andrés Montesinos, que gobernaba en minoría, presentada de maneira conxunta polos grupos municipais do PSdeG-PSOE e do BNG. Con esta medida ambas formacións buscaban “un novo goberno municipal progresista que garanta a estabilidade política e impulsará unha xestión municipal responsable e transparente”, tal e como se plasmaba no texto da moción de censura, que lía ao inicio da sesión plenaria o secretario municipal. O obxectivo, indicaba ese texto, é “establecer un marco de cooperación institucional baseado na corresponsabilidade efectiva, solidaria e leal de ambas forza na acción de goberno municipal”.
O acordo entre ambas forzas políticas inclúe tamén unha alcaldía rotatoria, primeiro para o socialista Germán García-Ávila, e seguidamente para unha edil nacionalista, tal e como avanzan os voceiros municipais nas intervencións previas á votación da moción de censura.
“Este é un acto democrático, tal e como xa se xusfitica no texto da moción de censura”, dicía o socialista García-Ávila, o primeiro en tomar a palabra. “Empeza un tempo novo para Viana do Bolo, temos moitas ganas de facer cousas, pero pouco tempo, así que acometeremos aquelas que consideramos prioritarias e tamén as realizables”.
Deseguido o voceiro municipal nacionalista, Secundino Fernández, comezaba a súa intervención cun recoñecemento á veciñanza de Viana que loitou contra lume durante a vaga de incendios e logo lembraba o resultado das últimas eleccións municipais neste concello. “O pobo de Viana falou con 3 concelleiros para o BNG, 3 para o PSdeG-PSOE e 5 concelleiros para o PP, o que representa o 46,55% dos votos, fronte ao 53,45% da porcentaxe dos votos socialistas e nacionalistas. Este resultado é claro e expresa claramente a vontade do pobo a prol dun goberno conxunto de PSdeG-BNG. A sociedade ordenou que debemos entendernos para gobernar. Ese entendemento non se deu no 2023 e tamén debemos aumir ese feito”.
Ademais consideraba que a situación do goberno municipal do PP chegou “a converterse en dramática, sen orzamentos en prazo ano tras ano, cun caos organizativo e con exemplos como a xestióni do contrato do Servizo de Atención no Fogar, falla de resposta mínima ás demandas da poboación, bloqueo de axudas ás asociacións culturais e deportivas, incumprimentos de acordos en pleno…”. Para Fernández existía “unha falla de iniciativa política para afrontar a situación de Viana e ante esta situación a sociedade vianesa demandaba un cambio de rumbo, un novo goberno”.

Nese senso, continuaba o voceiro do BNG, “debemos deixar de lado os nosos intereses lexítimos e sacar o goberno desta situación de parálise, as dúas forzas tiñamos que dar un paso para facer fronte a esta falla de goberno que resolva as necesidades da veciñanza de Viana, que igual debera ter chegado antes. Viana ten que voltar ao lugar que merece”, concluía, adiantando que dentro dun ano tomará o relevo a concelleira nacionalista e compremetendo “ganas e vontade de traballo”.
Finalmente interviña o alcalde do PP, Andrés Montesinos, quen defendía a súa xestión e a do seu equipo nestes anos e lembraba que “os que agora intentan facerse co goberno xa tiñan os votos para facelo dende o primeiro momento”. Lembraba tamén o seu “compromiso por traballar con seriedade e cercanía polo benestar do noso concello e así o fixen co meu equipo, xuntos impulsamos moitos proxectos”, e citaba algúns deles como saneamentos no rural, camiños rurais, humanización das aldeas, apoio a problemáticas como a do matadoiro municipal, “estivemos ao carón das asociacións veciñais en todo momento, impulsamos e logramos a declaración do Entroido de Viana como de Interese Turístico Nacional, traballamos arreo coas explotacións gandeiras, impulsamos o plan municipal contra incendios forestais, tratamos de abordar o problema do SAF, aprobando os orzamentos do 2025 sen o apoio do BNG nin do PSdeG. Así deixabamos atrás meses de bloqueo da oposición, tras semanas para intentar negociar, pero non escoitaban”.

Montesinos finalizaba destacando que “esta moción de censura non responde á falta de xestión ou inacción política, senón que responde a desaloxar a un goberno traballador. Isto xulgarano as urnas dentro de dous anos, e non é unha despedida, senón un ata logo. Grazas pola confianza depositada, o pobo non esquece”.
A continuación tiña lugar a votación da moción de censura que prosperaba co apoio dos 3 concelleiros do BNG e dos 3 concelleiros socialistas, mentres que os 5 edís do PP votaban en contra. Isto convertía en alcalde ata o vindeiro 18 de agosto ao socialista Germán García-Ávila Arias, que prometía o cargo e recollía o bastón de mando, matizando que non é de mando “senón de diálogo”, de mans de Montesinos.

A continuación tomaba a palabra García-Ávila cunha intervención que iniciaba matizando algúns dos comentarios previos de Montesinos e cunha serie de agradecementos, en primeiro lugar aos socalistas de Viana e aos membros da lista, e despois á súa familia e persoas achegadas, así como ao resto de membros da Corporación vianesa. Tamén se refería aos recentes lumes que asolaban ao municipio e facía un chamamento “a convivencia entre todos nós”, fuxindo dos enfrontamentos políticos que hoxe se viven na clase política e da polarización, “nós non imos consentir que en Viana ocorra iso”.
Para garantir a participación equilibrada de ambas formacións na xestión municipal, crearase unha xunta de goberno local integrada por dous membros de cada grupo político, cuxos representantes serán elixidos polas respectivas organizacións.

Para García-Ávila Arias supón “unha honra representar ao pobo de Viana e un inmenso orgullo asumir a responsabilidade e o reto que supón responder e dar solucións aos problemas da veciñanza. Con frecuencia se di que non hai nada máis importante que se alcalde do teu municipio, pero non estou de acordo, hai algo máis importante, ser alcalde de Viana e nada me gustaría máis que estar á altura da veciñanza e ser quen de resolver os seus problemas e carencias”.
O novo rexedor de Viana do Bolo subliñou que a nova etapa que se abre estará marcada por un goberno “coas portas abertas a toda a cidadanía, xa que o Concello e a súa casa e non teñen que pedir permiso para entrar. Imos estar aquí a disposición dos veciños”. Asemade poñía de manifesto que “non hai cores políticas, nin se precisa carné de ningún tipo, xa que o concello estará aberto a todo o mundo e trataremos de solucionar os problemas de todo aquel que o precise”. E comprometouse a falar cos pedáneos para coñecer as necesidades das diferentes aldeas. Tamén se comprometía a chamar nas portas das diferentes administracións para darlles traslado das necesidades de Viana “e esperemos que nos escoiten, petaremos nas súas portas con humildade, argumentos e insistencia”. Tiña tamén unha palabras para o persoal municipal, “que son a parte máis importante do Concello, o meu recoñecemento cara eles”
Por último, García-Ávila Arias convidou aos demais membros da oposición a que “aporten a súa experiencia e dean traslado das ideas e peticións que lles fagan chegar, co fin de atender todas e cada unha delas na medida do posible”. Neste senso tamén lembrou que “nos últimos anos, nós traballamos en propor ideas e melloras, así como en aportar de forma construtiva polo ben de Viana e agardemos que así siga sendo”. Recoñecía que vai cometer erros, “esperemos que sexan os menos posibles, pero non deixedes de dicirmos, tratarei de mellorar e facelo ben”. E iniciaba o seu cargo cunha cita: “Non me dá medo o ruído do poder, dame medo o silencio do pobo”. Sempre Viana!”.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.
