
Dándolle voz á veciñanza concluía a xornada “A memoria asolagada: Veigas de Camba e A Lama no Encoro das Portas”, que se desenvolvía o domingo 7 de setembro na Casa da Viúva na Gudiña. Así o programa desta actividade, organizada polo Consello da Cultura Galega, completábase cunha “mesa da memoria” na que participaban veciños de Veigas de Camba e de Campobecerros, pero vinculados á Lama, e era moderada polo vianés Carlos Xabier Ares Pérez.
Este investigador abría a quenda de intervencións lendo un texto seu, titulado “Morrer en vida”, cunha lembranza a estas dúas localidades que agora están baixo as augas do encoro. “Tempo atrás, as poboacións das aldeas contábanse en almas vivas e almas mortas, posto que os finados seguían formando parte da comunidade e nunca eran esquecidos. O mesmo sucede cos lugares cos que temos un sentemento de arraigo; canto máis tempo e máis lonxe estamos deles, maior é a nostalxia, que sen dúbida é o mellor sentemento que pode deixar en nós un lugar no que vivimos no pasado. No caso de Veigas de Camba, estas emocións víronse sen dúbida multiplicadas cando a aldea desapareceu sen deixar rastro material, devorada por unhas augas que paradoxicamente chegáronlle antes que a electricidade que as xustificaba”.
Incidía tamén en que “naquel fatídico febreiro de 1974, un pobo morreu en vida. Non hai consolo cando tes que deixar por decreto o teu fogar, de abandoar a túa horta, as escaleiras daquel primeiro bico, a tumba do avó, o son da campá, a beira do río e o pé da montaña, o aire do val e o arrecendo da néboa ou das noites quecidas con lume. Toda unha vida de cor pasada a negro, un loito polos vivos e tamén polos mortos, aqueles cuxas almas seguían presentes. Todo finou baixo a sorda quietude das augas. Agora a aldea durme afogada como si dos restos dun naufraxio se tratara, e os que nela viviron perderon a paz, a causa, os soños e a matria. E hoxe, nin eles nin os seus descendentes queren esquecer os tempos pasados, por iso estamos aquí, porque quizais ese sexa o verdadeiro significado de morrer en vida, a unión que provocan a angustia, a incerteza, o desarraigo e a nostalxia”.

A partir de aí daba paso a unha serie de intervencións dos veciños que se estruturaban en dous bloques, comezando polas lembranzas de como era a vida na aldea, no caso de Veigas de Camba, formada por vivendas tradicionais e separada en dous barrios. No Casal da Lama contaban que había cortes, cultivos, pasto e moita riqueza. Tamén comentaban como era a organización veciñal, a través dos concellos, que tiñan unha escola e tamén das actividades económicas do lugar; así como das festas, coa referencia do San Martiño ou do Entroido.
Nun segundo bloque falaban de como foi a partida obrigada. Foron trasladándose á Gudiña, Ourense, Trives e outras zonas. Mesmo lles ofreceron unha aldea en Cáceres, pero non aceptaron, xa que a maioría prefería quedar cerca do seu lugar de orixe, se ben houbo algúns que emigraron a Francia.
Fotos: Carlos G. Hervella.