ConcellosO BarcoÚltima horaVídeos

O Concello do Barco “rexeita firmemente o xenocidio que Israel está perpetrando sobre a poboación de Gaza”

 

Co berro firme de “Israel, estado terrorista”, remataba a concentración que no mediodía deste venres 19 de setembro tiña lugar na praza do Concello do Barco, atendendo á convocatoria feita á veciñanza para participar nunha concentración como símbolo de condena enérxica e repulsa “ao xenocidio do pobo palestino en Gaza”, así como “ao antisemitismo e islamofobia, reafirmando o compromiso co respecto a todas as comunidades, culturas e relixións, e expresando a súa solidariedade con todas as vítimas, especialmente coas persoas desprazadas, feridas ou que perderon aos seus seres queridos en Gaza”, segundo o comunicado da Fegamp que convocaban actos públicos en todos os concellos de Galicia.

 

 

No do Barco, o alcalde Aurentino Alonso aseguraba que como pobo “firmemente comprometido cos valores da paz, da xustiza e dos dereitos humanos”, ao igual que rexeitan os asasinatos de israelíes cometidos por Hamás, “rexeitamos firmemente o xenocidio que Israel está perpetrando sobre a poboación de Gaza, onde xa foron asasinados máis se 65.000 civís palestinos, dos cales máis de 17.000 son nenos e nenas”.

 

 

Ademais do horror dos bombardeos indiscriminados, “o Goberno israelí está utilizando a fame como arma de guerra bloqueando o acceso a alimentos, medicinas e axuda humanitaria” polo que “condeamos esta violación masiva de dereitos humanos e esiximos a fin inmediata desta masacre”, dixo dando paso á concelleira de Medio Ambiente, Diana Urdangaray, que daba lectura a un manifesto elaborado pola propia Federación Galega de Municipios para todos os concellos de Galicia.

Finalmente, os alí presentes tiñan un minuto de siencio en sinal de duelo e respecto.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Back to top button