Xa que os políticos non contestan dende Asilival enviarán os escritos ao Valedor do Pobo, “para que respondan, porque levamos xa como cinco e nada”. Así o anunciaban na mañá deste xoves 25 de outubro, nunha nova concentración diante do Hospital Público Valdeorras recuperando unha mobilización en sinal de protesta que detiñan durante o verán.
Diante do asistentes o presidente do colectivo aseguraba que seguen co engaño. “Hoxe ía haber comisión de centro e suspendérona; o luns estivemos dous compañeiros falando co director do distrito, quedou en avisar pero non o fixo nin se lle espera” polo que propoñía que a xente que leve moito tempo esperando polo neumólogo (practicamente todos os presentes), entraran a poñer reclamacións “a ver se fai efecto porque isto xa é de risa”.

Aseguran que queren “un neumólogo para Valdeorras, si ou si”, e intentarán implicar aos alcaldes “Hoxe está aquí o do Barco e tamén algún concelleiro pero queremos convocalos a todos para reunilos nunha data que lles veña ben, tal como se quedou na asemblea”.
Na concentración de hoxe contaron con membros doutras asociacións como Disvalia ou Morea, “pero faltan moitos asociados, esperamos que nas vindeiras concentracións veña máis xente”, dixo o presidente, asegurando que seguirán concentrándose todos os xoves ás 11 horas.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.