
A alcaldesa da Pobra de Trives, Patricia Domínguez, e o concelleiro de Deportes, Fermín Santoveña, visitaron o Campo Municipal do Agro para supervisar o avance das obras de mellora que se están a desenvolver na instalación deportiva, ratificando “o compromiso do Concello por dotar á veciñanza dunha infraestrutura moderna, accesible e adaptada ás necesidades actuais da práctica deportiva”.
As actuacións, que contan cun investimento de máis de medio millón de euros financiado pola Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e o propio Concello, inclúen a instalación de céspede artificial de última xeración, a renovación completa da iluminación con tecnoloxía LED, e a mellora dos sistemas de drenaxe e rego, entre outras intervencións.
A alcaldesa salientou que deste xeito “O Agro converterase nun espazo funcional e seguro, pensado para fomentar o deporte base e acoller tanto a actividade dos clubs locais como eventos e usos comunitarios”. O Concello agradece tamén o traballo do equipo técnico, operarios e institucións colaboradoras, e anunciou que seguirá informando puntualmente sobre o avance das obras ata a súa finalización. Durante este tempo o CD Trives xogará os partidos como local no campo Vicente Solarat Maceda, na Rúa.
