Cun emotivo e sentido broche culminaba a gala do 43 aniversario do Club Adas Cupa do Barco na noite do 24 de outubro no Teatro Lauro Olmo do Barco. Unha cerimonia na que esta entidade deportiva facía un repaso pola súa historia e numerosos exitosos ao longo de máis de 4 décadas de deporte valdeorrés e tamén recoñecía, a través de numerosos galardóns o esforzo e méritos dos atletas, adestradores, xuíces, colaboradores, empresas patrocinadoras, entidades, institucións e medios de comunicación.
Despois de máis de dúas horas de gala, chegaba o momento máis especial e emotivo: a homenaxe a Agustín González Ruiz “Tinín”, presidente do club durante 43 anos. Eran Diana Álvarez e Rubén García os encargados de dirixilo. “Collemos prestado o micrófono uns instantes, a verdade é que só somos dous, pero aquí podería estar moita xente, tamén é certo que non collerían todos no escenario, pero queremos facelo extensible a toda a comunidade do atletismo de Valdeorras: atletas, adestradores, pais, mais, avós, achegados… a todos os que dalgunha maneira vivimos ou vivimos o pasado e o presente do club”, comentaba o xuíz de atletismo Rubén García. Ademais expresaba a súa noraboa a todos premiados.
Continuaba dicindo Rubén que esta noita de premios “non podía rematar sen volver aos principios do club, á súa orixe, sen recoñecer a quen foi o arquitecto, o motor e a alma de todo isto durante 43. Este club foi, é hoxe e seguirao sendo grazas ao esforzo, a súa paixón e dedicación incansable. É presidente, adestrador, ás veces, utilleiro, amigo e conseguidor de cousas imposible. Dedicou a súa vida a tecer soños, dentro das pistas e ao aire libre. E non só foi formando a atletas e a boas persoas e imprindo valores dende o deporte. Sempre o fixo en silencio e nun discreto segundo plano”.
Polo seu compromiso “inquebrantable, polas horas, por cada consello, por cada cousa que fixo posible, en nome de todos os que crecemos e vivimos con el, toda comunidade do atletismo decidimos que hoxe tamén tiña que ser o seu día. Houbo moita xente galardoada e unha persoa imprescindible é tamén Tinín. Grazas Tinín”, concluía Rubén, que despois daba paso a un vídeo moi especial onde atletas de diferentes xeracións, dende veteranos ata mozos e meniños expresaban de diverso xeito o seu agradecemento a Tinín polo seu labor. “Detrás dun gran club sempre hai un gran adestrador, grazas pola túa dedidación, a túa pacienciae compromiso, por ensinarnos os valores do deporte. Por estar sempre aí”.
O vídeo daba paso a un gran aplauso no que o conxunto dos asistentes á gala se poñían en pé. A continuación e moi emocionado, Tinín, vía como se chamaba á súa dona, Yolanda, coa súa neta, para recibir un ramo de flores. A ela tamén lle entregaba Tinín outro agasallo. “Isto que teño aquí é a miña pequena sorpresa que lla quero dar á miña dona, porque todos estes anos estivo aguantando moitas viaxes e moitas ausencias, e esta é a miña pequena homenaxe”, dicía.
Ademais, remataba o acto con numerosos agradecementos. Primeiro, “aos asistentes, algúns chegados de diferentes puntos de Galicia e mesmo de España, como Logroño ou Madrid. Con ese aplauso pasástevos un pouco. Alégrome moito de que vos gustara o que hoxe tiñamos preparado”.

Tamén facía unha mención especial a respaldo recibido ao longo destes anos de vida do Adas por parte das institucións porque “sempre nos apoiástedes. Nós intentamos facelo sempre o mellor que podemos e creo que unha vez máis, o deporte une. A todos os que estades e que aos que non puideron estar grazas”.
E, por suposto, amosábase especialmente agradecido “a este equipo de mais e pais, atletas, adestradores e colaboradores, porque sen isto é imposible, non se pode chegar a ningún lado. Estas pequenas cousiñas que parece que non son importantes, son fundamentais para que un proxecto como é un club dure 43 anos. Ás veces conséguense mellores ou peores resultados, pero sobre todo, podemos presumir de que temos moi boa xente, moi boas persoas. Moitas grazas”.

Tinín despedía a gala dicindo que vai seguir. “Non sei se 40 anos máis, pero algún máis intentarei estar, a ver se podemos seguir”, concluía entre aplausos.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: O SIL.
En breve ampliarase información e galería fotográfica da gala do Club Adas Cupa do Barco.
