Dende o polideportivo de Calabagueiros no Barco porase en marcha a partir das 9h. do domingo 9 de novembro a XIX Andaina de Outono que promoven o Club Peña Trevinca Barco e o Concello. Unhas 350 persoas participarán nesta edición, procedentes de diferentes puntos de Galicia pero, fundamentalmente, da provincia da Coruña con ata 130 inscritos.
Así o destacaba o presidente do Club Peña Trevinca Barco, Miguel de la Cal, acompañado da xunta directiva desta entidade; do alcalde do Barco, Aurentino Alonso; e do vogal de Andainas e Sendeirismo da Federación Galega de Montañismo, Henrique Freixeiro, durante a presentación deste evento deportivo esta mañá.
A proba ofrece dúas alternativas en canto a percorrido: unha curta de 15 km (con 413 m de desnivel) e outra longa de 25 km (con 915 m de desnivel). “Imos voltear as Penas Marías e voltear pola zona de Xagoaza, unha cuxa paisaxe cambiou radicalmente en agosto polos incendios. Temos tres avituallamentos: un en Forcadela, outro na zona do Nacedeiro e outro na zona de Pacios E tamén tres controis de regularidade, porque nós o que primamos nestas andainas non é correr, senón a regularidade, desfrutar da paisaxe. Non vai ganar aquí o que chegue antes, senón o máis constante, pode que gane o que chegue o último dentro do límite das 6 horas”, explicaba Miguel de la Cal, incidindo tamén en que estas andainas permiten coñecer as montañas galegas e unir á xente.
Ademais, o presidente do Club Peña Trevinca Barco resaltaba que “levamos 19 anos de andainas, unha proba que pode celebrarse polos colaboradores que nos apoian. Un deles é o Concello do Barco que dende a primeira edición ten estado apoiándonos, é coorganizador e queremos agradecerlle a súa aportación, as súas instalacións que nos prestan”. Ademais mencionaba o apoio da Deputación de Ourense e dunha serie de empresas patrocinadoras que enumeraba unha a unha, agradecendo a súa colaboración.
Finalmente, comentaba que na proba haberá trofeos varios e medallas a finalistas e un agasallo especial e sorpresa “que se dará na mesma saída e penso que vai gustar”. A entrega de dorsais, así como o punto de saída a meta, as duchas e o xantar, novamente cun menú a base de arroz con botillo, será no Polideportivo Calabagueiros.

Na presentación tamén interviña o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, quen lembraba a súa condición de socio do Club Peña Trevinca Barco e felicitaba ao club por esta iniciativa e “por que sigamos por moitos anos máis. Nesta edición vai ser unha andaina peculiar, como a foi hai tres anos por desgraza. É unha andaina que volve a un monte ardido, a un monte asolado polos incendios, pero temos que mostrarlle tamén iso á cidadanía e á xente que vén de fóra que, sufrimos estas desgrazas periodicamente”. E concluía pedíndolle aos participantes que desfruten da proba.
Ademais tomaba a palabra o vogal de Andainas e Sendeirismo da Federación Galega de Montañismo, Henrique Freixeiro, quen aseguraba que “esta é a actividade vai ser a guinda de todas as andainas deste ano en Galicia, porque será última”. Destacaba así mesmo que se trata dunha andaina da que sempre volve a xente moi contenta e cunha gran acollida.
Fotos: A.R.
Vídeos: O SIL.