A provincia de Ourense está moi presente na maneira na que o oncólogo vilamartinés Rafael López López entende a medicina, “como un servizo á comunidade, de servizo público cara os demais”. O seu compromiso coa terra, méritos como médico e científico, pero tamén a súa profunda humanidade, cercanía e humildade e fidalidade as súas orixes rurais recoñecíanse na gala do “Premio Ourensanía 2025”, que na tarde deste 10 de novembro este doutor recibía de mans do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor.
Unha gala moi emotiva e sentida no Teatro Principal de Ourense que, aos poucos, ía debuxando e afondando na calidade humana e profesional deste médico valdeorrés, formado na escola de Don José de Vilamartín, sempre curioso e centrado nos estudos e que nunca perdeu a ligazón coa súa terra, Vilamartín de Valdeorras, onde aprendía o valor do esforzo. Hoxe Rafael López é xefe do Servizo de Oncoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela (España), director do Grupo de Oncoloxía Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) e coordinador da área do cancro do mesmo (www.oncomet.es) e profesor Titular da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais traballa en proxectos de investigación para entender e tratar o proceso de metástase. O seu grupo é líder en biopsia líquida en España con gran capacidade investigadora e asistencial.
E eran precisamente esas orixes valdeorresas o punto de partida desta gala, presentada por Mónica V. Lopo, tras a lectura da acta do xurado pola que se lle concedía o Premio Ourensanía 2025 de xeito unánime. Un vídeo recollía o testemuño da súa irmá Isabel López “Maribel” e as imaxes do espazo da súa nenez. Nel lembraba como con apenas 10 anos Rafael marchaba á Bañeza para estudar e, despois a Santiago. Inicialmente ía para enxeñeiro, pero “pero no último momento cambiou a medicina”.

Na súa faciana persoal afondaba, xa no escenario, un veciño e amigo de Vilamartín, Agustín Fernández. “Rafael é unha persoa que deixa pegada, non só brilla pola súa excelencia médica e investigadora, tamén posúe unha afabilidade innata no seu trato, a súa presenza sempre reconforta”. E engadía que para Vilamartín “Rafa representa un orgullo, esperanza, humanidade e a súa traxectoria é motivo de admiración colectiva”.
Ao mesmo tempo, afondábase no seu labor como médico e investigador da man do xefe de Oncoloxía do Complexo Hospitalario de Ourense, o tamén valdeorrés Jesús García Mata, se ben “eu son da montaña e el do val”, bromeaba. Do doutor López aseguraba que “un exemplo para todos, un líder dos que lideran de xeito moderno, sempre conta cos demais e busca que o demais tamén teñamos oportunidades”, facendo así mesmo fincapé no seu lado humano, “non podes ser un bo médico se non es unha boa persoa”.

García Mata incidía así mesmo en que “falar de Rafa López é falar de biopsia líquida, é dicir, de ser capaces de determinar características das células tumorais dun xeito pouco invasivo para os pacientes, e moitas veces grazas a esa análise e a esa información que nos dá a biopsia líquida somos capaces de determinar que características teñen eses tumores para saber se hai que tratalos e como hai que facelo ou se non hai que tratalos. E moitas veces para saber se ese tumor unha vez operado pode ter unha recidiva. Nese ámbito el é un líder a nivel mundial, foi un visionario. Unha das características que ten como profesional non é só a súa brillantez, senón tamén ese puntiño de ir por diante. O tema da biopsia líquida, que hoxe é algo totalmente implatado e que está na punta de lanza da investigación, el veno desenvolvendo co seu equipo dende hai varias décadas xa”.
A ese ámbito oncolóxico e investigador, sen desvinculalos do humano e persoal, referíase tamén os testemuños da científica Marisol Soengas, que ademais lembraba o apoio persoal que sentiu de Rafael López cando ela mesma se viu afectada polo cancro; e do coñecido investigador e bioquímico Mariano Barbacid, quen afirmaba rotundo que o vilamartinés “levou a oncoloxía en Galicia a un lugar privilexiado, converteuna nun referente internacional na investigación clínica”. Ao mesmo tempo, remarcaba a súa capacidade de influír nas novas xeracións de médicos, “soubo transmitirlles a ilusión”.
Nese intre da gala, que se ía intercalando con actuacións de Borja Quintela (acompañado por músicos ao piano e á guitarra), dábase paso á entrega do “Premio Ourensanía 2025”. Así Rafael López López recibía de mans de Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense (entidade que concede o galardón), a figura en bronce do escultor Xosé Cid, xunto cunha copia da acta na que se plasma ese recoñecemento, que representa este premio. Tras un longo e emotivo aplauso, Rafael López tomaba a palabra para empezar cun “grazas”, que abría, en maiúsculas o seu discurso, cunha fonda lembranza e homenaxe á súa familia e á súa terra, sen esquecer unha posta en valor da investigación e da ciencia e unha chamada ás novas xeracións nese senso. “Grazas á Deputación de Ourense por este recoñecemento á Ourensanía, grazas por darme a oportunidade de mirar á miña terra con emoción e con moito orgullo”.

Rafael López: “Á mocidade dígolle: miraivos no espello do esforzo e do talento”
O doutor López comezaba a súa intervención apuntando que “este premio lévame a reflexionar sobre quen fixo grande a Ourense, non só os que aparecen nos libros, senón tamén aqueles que traballan en silencio día a día sen esperar recoñecemento. Falo dos agricultores e gandeiros, como os meus avós José Avelino e Manuela; dos artesáns, dos funcionarios, dos empresarios como Eulogio Franqueira, Barreiros, Adolfo Domínguez ou Pérez Rumbao. E, sobre todo, dos emigrantes, desta nosa terra como o Vázquez Raña, ou os meus avós Rafael e Josefa, homes e mulleres que levaron a nosa lingua, a nosa cultura e os nosos valores polo mundo adiante. Eles son os verdadeiros embaixadores da Ourensanía, levaron consigo a esencia desta terra, o esforzo e a humildade e dignadade, e tamén a esperanza”.
Ademais dicía que lle gustaría que este galardón fose unha mensaxe para as novas xeracións, “un convite a ollar o horizonte con amplitude de miras, con valentía, sen complexos, sen localismos que nos limiten, sen populismos que nos dividan, que fuxan da endogamia que nos fai retroceder ou mesmo retroceder nesta carreira universal pola supervivencia ou por un futuro mellor. Á mocidade dígolle: miraivos no espello do esforzo e do talento, non teñades medo ao fracaso, porque este é parte do camiño e a aprendizaxe, e tamén impulso, pero nunca esquezades as vosas raíces, porque ser ourensán é levar nos xenes o esforzo, a esperanza e a dignidade”.
Para López “Ourense non é só un lugar no mapa, é unha forma de estar no mundo, é unha identidade que nos acompaña alá onde vaiamos. Esta é unha terra que inspira como o viño que madura nas adegas de Valdeorras con tempo, con coidado, con paixón. Así se formou tamén a miña vocación científica, con paciencia, con constancia, coa certeza de que o coñecemento debe servir para mellorar a vida das persoas”. E matizaba que os seus logros como investigador non son individuais, “son froito de moitas neuronas, compañeiros e compañeiras que compartiron comigo ideas, esforzos, noites sen durmir, ilusións e tamén decepcións, non tería tempo de nomealos a todos, pero están gravados nos meus xenes”.
E remarcaba que “cada avance contra o cancro, cada investigación, cada logro leva consigo o orgullo de representar esta provincia”. Concretaba as súas orixes indicando que “en Vilamartín de Valdeorras aprendín o valor do esforzo cos meus pais, Manolo e Tina, aprendín que a terra dá froitos se se coida, se respecta e se ama. A miña irmá, o meu cuñado e os meus sobriños seguen coidando a terra”. Tamén tiña palabras especiais para os seus fillos Teresa, Cristina e o seu home Luis e para Santiago coa súa muller Carlota, que “me fixeron avós de Julia hai uns días, son a miña esperanza de que o talento e o esforzo sigan sendo a espiña dorsal da miña familia. E Pilar, a miña columna, que me sostivo e apoiou sempre, embaixadora tamén de Valdeorras e Ourense na súa Asturias querida; sen ela moitas das miñas conquistas non terían sido posibles”.
Na súa intervención, o doutor López tamén expresaba a profunda dor que sente polos estragos deixados en Valdeorras polos incendios deste verán, “é unha ferida aberta, unha chamada de atención, por favor, aprendamos dos erros, construamos bosques onde arder sexa case imposible, contemos coa ciencia, si, pero tamén coa sabedoría de quen habita e coida do monte. Evitemos excentricidades e demagoxias, non quero volver ver a Valdeorras, nin a Ourense, negras outra vez”.
E concluía lanzando unha rotunda mensaxe: “Crede na investigación, apostade pola innovación, é o único camiño para mellorar a cantidade e calidade de vida dos nosos descendentes e a nosa propia, a única vía para asegurar a sostibilidade da nosa sociedade. A ciencia non é un luxo, é unha necesidade. Síntome moi orgulloso e infinitamente agradecido por este recoñecemento da miña xente e da miña terra. Grazas Ourense inmenso e infinito”.

Luis Menor: ” Rafael é protagonista da historia de moitas persoas e de moitos avances clínicos”
A continuación do galardoado tomaba a palabra o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, quen resaltaba que “este premio era moi merecido e, sobre todo, moi entrañable”. Ademais explicaba un ano máis, o “Premio Ourensanía” homenaxea a “persoas que co seu traballo, esforzo e compromiso fixéronse merecentes deste recoñecemento por parte da provincia, premiando esa identidade tan propia, tan nosa, tan de cidadanía ourensá. Hoxe a provincia de Ourense está de celebración e o seu protagonista neste 2025 é Rafael López López, Don Rafael ou Rafa para os amigos, protagonista tamén da historia de moitas persoas e da historia de moitos avances clínicos e estou seguro de que hai outros que aínda están por chegar”.
A partir de aí, Menor repasaba a dilatada traxectoria profesional do homenaxeado, destacando que “foi precisamente a súa inciativa en Oncomet, onde o seu liderado converteuse en decisivo na investigación contra o cancro en Galicia e como referente nacional e internacional”. Referíase a Oncomet como a un equipo por medio cento de profesionais que apostaron “pola investigación oncolóxica desde e para o paciente”. Tamén lembraba que o doutor López presidiu a Sociedade Galega do Cancro, contribuíndo á estratexia galega contra o cancro, sendo actualmente presidente da Asociación Española de Investigación sobre o Cancro”.
Menor explicaba que a brillante carreira do “Premio Ourensanía 2025” é froito “dun traballo metódico e dun gran esforzo, uns valores que xa amosabas na escola de Don José, con gran interese polos estudos mentres que os demais facían algunha que outra falcatruada e os libros eran os teus grandes aliados”. Ademais da súa destacada carreira profesional, Menor resaltaba a humildade do galardoado, “isto é proba de que, por moitos anos que pasen, non perdiches a esencia de quen es, pero sobre todo de quen che inculcaron que debías ser, porque os teus pais son os responsables de que teñas os pés na terra. E así o fas a diario cando o teu único e principal motor é salvar vidas, non buscar recoñecementos. Mesmo diría rescatar vidas dunha enfermidade da que aínda hoxe é complexo falar, aínda que como dixeches recentemente cada vez máis pacientes se curan. E iso é froito de profesionais coma ti”.

O presidente provincial dicía tamén que para Rafael López “a familia é o piar da vida” e facía fincapé no “forte arraigamento” á súa terra. “Ti es exemplo de Ourensanía porque nos fas sentir orgulloso como pobo dun ourensán que quere rescatar vidas dende a investigación médica, pero principalmente, porque representas tan ben a esencia deste premio. Dá igual dende onde, o importante é ter as portas sempre abertas aos ourensáns que o precisen”, dicía Menor, que finalizaba desexando que este galardón supoña “unha nova inspiración e motivación para seguir avanzando na túa maior meta na vida, na loita contra o cancro e na mellora da calidade de vida das persoas. O teu legado na medicina xa é indeleble, pero a pegada que deixas a diario en moitas persoas é impagable. Ogallá que con este galardón sintas que a provincia che está a devolver un pouquiño do moito que ti tes entregado aos demais”.

Esta gala, que finalizaba coa interpretación do himno galego por parte da Real Banda de Gaitas da Deputación, contaba coa presenza de numerosas autoridades, entre elas o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; dos conselleiros de Sanidade e de Emprego, Antonio Gómez e José González, respectivamente; así como do subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, entre outros representantes políticos e institucionais. Tamén o galardoado estaba arroupado pola súa familia (a súa muller Pilar, os seus fillos e a súa neta recén nada, Julia) e amigos.
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.


