SanidadeÚltima horaVídeos

A Coral Candea de Viana rende homenaxe ao persoal de Hematoloxía do Hospital Universitario de Ourense

 

Na mañá deste xoves 18 de decembro a Coral Polifónica Candea de Viana do Bolo visitaba a sétima planta de Hematoloxía do Hospital Universitario de Ourense para ofrecer unha actuación especial dirixida ás persoas ingresadas e ao persoal sanitario da unidade, como “mostra de agradecemento pola atención e coidados prestados durante meses a un dos seus membros”. Unha iniciativa que xurdía tras o ingreso prolongado nesta planta hospitalaria durante 80 días, dun integrante da coral.

A actuación foi pois un recoñecemento público á “profesionalidade, dedicación e calidade humana de todas as persoas que forman parte do servizo: persoal médico, de enfermaría, auxiliares, celadores e persoal de limpeza”, aseguran dende o CHUO.

 

 

Durante o acto, César Couso Monedero, membro de Candea e antigo paciente da unidade, explicaba que a coral “vén hoxe como homenaxe á miña forza de vontade, á superación persoal e a unha realidade que descoñecía, da que puiden saír adiante grazas aos excelentísimos especialistas que me atenderon”, sinalou, acompañado da súa médica, a hematóloga Patricia Cadahía.

A música converteuse así nunha linguaxe de agradecemento e emoción compartida, enchendo de sons e esperanza unha planta marcada habitualmente polo silencio e a loita diaria contra a enfermidade. Tanto os pacientes como o persoal sanitario recibiron a actuación con especial emoción, destacando o “valor deste tipo de iniciativas para humanizar o ámbito hospitalario”.

 

 

Candea, que acudía a Ourense cunha representación de dez persoas continúa coa súa programación de Nadal. Mañá actuará no festival da Mezquita, a partir das 17:30 horas no Edificio Multiusos; e o sábado no Encontro Musical de Panxoliñas, na Igrexa de Viana do Bolo a partir das 18 horas.

Back to top button