O programa da XXIV Festa do Botelo do Barco, que terá lugar o vindeiro 17 de xaneiro, dábase a coñecer esta mañá de 2 de xaneiro nunha rolda de prensa na que a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, estaba acompañada polo alcalde do Barco, Aurentino Alonso.
Nesta edición, “que será unha das máis valdeorresas”, adiantaba a edil, o cartel da celebración é obra da pintora Lola Doporto, de Millarouso (O Barco), quen retrata a imaxe dunha boteleira, unha chiscadela á tradición e o bo facer feminino ligado a este embutido tan emblemático.
O limiar desta edición será novamente a Ruta de Pinchos “O Barco vai de viños”, que se celebrará do 8 ao 16 de xaneiro, con máis de trinta establecementos de hotalaría e restauradores adscritos. E outra data de referencia será a do sábado 10 de xaneiro, na que se porán á venda as 1.150 entradas “tan solicitadas” da Festa do Botelo, a partir das 9h. no Teatro Lauro Olmo. Terán un prezo de 30 euros, “supón un pequeno incremento pero mantemos a caliade e o mesmo número de entradas”, matizaba Margarida Pizcueta. “Ese día xa é unha auténtica festa e isto tamén o nota o sector hostaleiro, por iso nos piden que a venda de entradas siga sendo en papel e que non poñamos billeteira electrónica”.
Esa mesma tarde está previsto o “Concerto do Botelo” a cargo do Orfeón Valdeorrés ás 20h. no Teatro Lauro Olmo. O cine tamén formará parte da programación da festa, coa proxección o día 14 de xaneiro ás 17h. e ás 20h. de “Mi postre favorito” (en colaboración co Cine Club Groucho Marx).
Outra das propostas será a exposición “Arte e humor. O enxeño de Antonio Mingote”, cuxa inauguración terá lugar o venres 16 de xaneiro ás 20h. na Sala Abanca (praza do Príncipe). “E tamén este ano contaremos con teatro coa obra “Reconversión” de Ibuprofeno, que comeza cunha festa”, adiantaba a concelleira de Cultura.
Xa a data central da Festa do Botelo, o 17 de xaneiro, ás 12h. terá lugar o acto do pregón no Teatro Lauro Olmo, que será presentado pola actriz Iria Piñeiro e polo músico, e tamén actor, Davide González. Despois entregarase a Mención de Honra, na que a distinguida nesta ocasión é a hostaleira de Larouco, pero asentada no Barco, Rosa Alonso, propietaria da Taberna O Buraco, na zona vella da vila.
Despois tomará a palabra o pregoeiro, o sumiller Luis Paadín, un recoñecido experto no mundo dos viños a nivel nacional e internacional que é coautor, xunto ao seu fillo Alejandro Paadín, da “Guía de Vinos, Destilados y Bodegas de Galicia”.
Ás 13:30h. haberá un pasarrúas dos grupos de Cantos de Taberna dende o Teatro Lauro Olmo ata o pavillón de Calabagueiros, onde se servirá o xantar do botelo, cuxa apertura de portas será ás 14:30h.
A festa continuará pola tarde entre as 19h. e as 22h. con cantos de taberna pola zona antiga da vila e polo Paseo do Malecón. O broche será tamén musical e terá lugar o domingo 18 de xaneiro coa actuación ás 20h. do rues Magín Blanco co seu espectáculo “Percorrido”.
Pola súa banda, o alcalde do Barco cualificaba de “excelso” do programa da Festa do Botelo deste ano e destacaba nel dúas cuestións “moi importantes, por unha banda “un produto de moi alta calidade que xa puxo a Valdeorras no mapa gastronómico nacional, como é o botelo. E, pola outra, este ano lle engamos o maior experto que temos en Galicia en viños, e ademais estando como está o godello a nivel nacional e internacional. Son dous produtos de excelencia que se dan a man neste 17 de xaneiro”. E finalizaba animando á xente a desfrutar deste programa.
Finalmente, a concelleira de Cultura comentaba que neste 2026 non vai haber Xornadas Gastronómicas do Botelo e do Cocido Valdeorrés, pero si se van manter a Festa do Botelo na Coruña, que está fixada para o 7 de febreiro, e a de Vigo, que aínda non ten data pero prevese para primeiros de marzo.
Fotos: A.R.
Vídeos: O SIL.