EconomíaEconomíaEn portadaPizarraÚltima horaVídeos

Sanidade aborda co sector da lousa a posibilidade de realizar en Galicia as valoracións da silicose para evitar viaxes a Oviedo

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado do xerente da área sanitaria, Santiago Camba, reuniuse con representantes do Clúster da Pizarra de Galicia en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras)

 

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, trasladábase esta mañá ata Sobradelo (Carballeda de Valdeorras) para manter unha reunión cos representantes do Clúster da Pizarra de Galicia. No seu decurso abordábase a posibilidade de que o Sergas realice os estudos e informes de recoñecemento da silicose como enfermidade profesional, para, deste xeito, evitar que as persoas que residen en Galicia e padecen esta doenza teñan que desprazarse a Asturias para facer os exames.

O titular da carteira sanitaria da Xunta, acompañado do xerente da área sanitaria, Santiago Camba, e pola alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González, visitaba as instalacións do Centro Tecnolóxico da Pizarra. O conselleiro aseguraba ante a prensa que o seu departamento analizará a fondo esta posibilidade e verá os pasos que cómpre dar de cara a formalizar un convenio de colaboración co Instituto Nacional da Seguridade Social, semellante ao que mantén esta entidade co Instituto Nacional da Silicose de Oviedo.

 

 

Gómez Caamaño remarcou que a Xunta leva tempo traballando para reforzar e mellorar a asistencia aos pacientes ourensáns da silicose, que representan preto da metade do total de Galicia. Tamén sinalaba que a Xunta puxo en marcha o pasado ano, na área sanitaria de Ourense, un comité multidisciplinar de enfermidades intersticiais difusas, entre elas a silicose, e unha consulta monográfica para enfermidades pulmonares intersticiais.

 

 

“Este reforzo supuxo, así mesmo, a creación dunha especie de vía clínica no Barco de Valdeorras a través dunha consulta de neumoloxía e un servizo de xestión de casos”, dicía o conselleiro, ademais de contar “cunha enfermeira que centraliza o control e seguimento dos pacientes con silicose e facilita a coordinación co Hospital Universitario de Ourense, promovendo a agrupación das consultas para evitar desprazamentos innecesarios”.

Gómez Caamaño puxo en valor que a sanidade galega conta cos medios e a tecnoloxía necesaria para facilitar a detección desta enfermidade en calquera servizo hospitalario de neumoloxía do Sergas. Calquera das tres áreas sanitarias con especial actividade canteira (Ourense, Pontevedra e Vigo), teñen procesos específicos.

Despois, Gómez Caamaño acudía ao Hospital Público de Valdeorras, no Barco, onde se reuniu con profesionais.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button