SanidadeÚltima horaVídeos

O conselleiro de Sanidade di que o “85 % dos médicos do Hospital de Valdeorras, 62 facultativos, teñen a súa praza en propiedade”

Realizaba estas declaracións na visita que realizaba este mediodía ao centro hospitalario do Barco

 

 No marco da visita que o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, realizaba esta mañá a Valdeorras, tamén se achegaba a partir das 13h. ao Hospital Público de Valdeorras, no Barco, para escoitar as impresións dos profesionais, e onde subliñou o “extraordinario labor que realizan os hospitais comarcais, que están a padecer en maior medida as dificultades para dotarse de persoal”. Estaba acompañado polo xerente da área sanitaria, Santiago Camba, e polo director do centro valdeorrés, Alberto Pedrera.

A este respecto, o titular de Sanidade destacou os esforzos do seu departamento que conseguiu mellorar a situación. Así, “o 85 % dos médicos do hospital de Valdeorras, 62 facultativos, teñen a súa praza en propiedade, grazas ás medidas da Xunta para estabilizar o cadro de persoal. En concreto, a cobertura de prazas de especialistas incrementouse notablemente, ata preto do 85 % actual, reducindo á metade as prazas vacantes no hospital desde un 30 % ata un 15 %, creo que é unha boa cifra, só nos quedan 13 prazas por cubrir”, segundo indicaba o conselleiro.

 

 

Neste mesmo, o xerente da área sanitaria ourensá, Santiago Camba, apuntaba que “practicamente se sacaron todas as prazas que había no hospital, algunhas estanse a cubrir a día de hoxe, hai uns días chegou un novo radiólogo e onte chegou unha nova internista, e agora na próxima oferta de prazas de difícil cobertura sácanse 7 prazas máis no Hospital de Valdeorras, e iso unido á OPE de primaria, que se resolverá na semana que vén, contamos con que moitos médicos adquiran praza. Por moita vontade que poida ter a xerencia ou a propia consellería, o último que decide é o profesional e ás veces rexeita unha praza, sobre todo en zonas de difícil cobertura como Valdeorras. Sacamos 6 prazas no PAC, 3 no Centro de Saúde, 1 en Viana e esperamos en dez días ter resolta esta OPE e as prazas que nela queden baleiras sacaranse nunha segunda ou terceira volta, pero o esforzo que se leva facendo no hospital do Barco é grande”.

 

Cedida.

 

Así mesmo, Camba lembraba que no hospital valdeorrés “houbo un momento doce de outubro do 2022 a novembro do 2024, que se lograron 17 prazas de difícil cobertura, que se foron todas en novembro do 24 porque concursaron a outros hospitais. Nos hospitais comarcais temos certas dificultades, temos sobresaltos, pero ás veces fálase da utopía retógrada que sempre os tempos pasados foron mellores, e sabemos que no hospital do Barco sempre houbo dificultades, eu recordo de sempre ter problemas e nestes momentos non é nin por moito dos peores momentos”.

 

 

O conselleiro de Sanidade tamén aludía aos investimentos da Xunta neste centro na área de cirurxía maior ambulatoria, no hospital de día oncohematolóxico, nas consultas externas e na farmacia hospitalaria. Engadido ao anterior, proseguía Gómez Caamaño, adquiriuse novo equipamento por 1,5 millóns de euros, entre o que destaca un novo TAC, un equipo radiocirúrxico e novos ecógrafos para os servizos de urxencias e de xinecoloxía, que se completará con novos ecógrafos e un mamógrafo nos vindeiros meses.

 

 

O titular de Sanidade concluíu a súa visita comprometéndose a seguir a traballar para mellorar a sanidade pública neste centro hospitalario, dende a escoita activa a pacientes e profesionais, e agradecía o traballo dos profesionais do mesmo.

 

Cedida.

 

 

Back to top button