As instalacións das Aulas Tecnópole, no Parque Tecnolóxico de Galicia con sede en Ourense, acollen aos rapaces de entre 12 e 18 anos que participan nos “Tecnópole Technological Workshops (T2W)”, que comezaron esta semana e continuarán ata o 11 de xullo, co patrocinio das empresas R e Coremain.
Os 30 participantes do campamento de verán, experimentan das maneiras máis divertidas para adquirir competencias e habilidades tecnolóxicas. Tal como explican dende a Tecnópole “na mañá do 2 de xullo construíron foguetes impulsados por auga e pirámides con espaguettis, proxectaron figuras en 3D usando un smartphone e programaron robots, algunhas das actividades que están a desenvolver no único campamento tecnolóxico de verán que se celebra en Galicia”.
Ademais, “os campistas están experimentando estes días con robots construídos con pezas e mecanismos LEGO Mindstorms, co reto de aprender a programalos para realizar diferentes funcións de forma autónoma” engaden dende o campamento.
Todos os participantes traballarán durante estas dúas semanas no desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos con diferentes graos de complexidade en función das súas idades. Para facelo posible, a formación inclúe nocións sobre o deseño de aplicacións móbiles e videoxogos, edición fotográfica e de vídeo, creatividade, biotecnoloxía, etc. Os mellores de cada categoría terán asegurada a súa participación na próxima Galiciencia, a feira científica que organiza Tecnópole no mes de novembro.
Os obxectivos deste campamento tecnolóxico consisten “no desenvolvemento da capacidade resolutiva e innovadora e na dinamización da axilidade mental e da creatividade”. Ademais de procurar que os alumnos e alumnas adquiran novos coñecementos tecnolóxicos, preténdese po enciar neles actitudes como o respecto mutuo, a colaboración e a socialización, xunto con habilidades relacionadas con falar ben en público, etc.
Este ano estase a intensificar a práctica do inglés, coa presenza dun profesor nativo que acompaña aos alumnos tódolos días durante as comidas e en varios talleres e actividades.
Dado que se trata dunha actividade integrada no tempo de vacacións dos participantes, trátase de fomentar a aprendizaxe a través do xogo, potenciando a creatividade e baseándose nas emocións e experiencias persoais. Así, durante o campamento os participantes practican tamén actividades deportivas en equipo ao aire libre, como a natación, o tenis ou o atletismo.
Fotos cedidas pola Tecnópole