
O Servizo Galego de Saúde (SERGAS) e a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Ourense veñen de asinar hoxe un convenio de colaboración para o desenvolvemento dos programas de “Apoio e Acompañamento” e de actividades de voluntariado no Hospital Universitario de Ourense, no Hospital Público de Valdeorras e no Hospital Público de Verín, pertencentes á Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
A sinatura do acordo realizouse este 30 de xaneiro e foi formalizada polo xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba Bouzas, e polo presidente da AECC en Ourense, Germán Rodríguez-Sáa López, que estiveron acompañados polo Subdirector de Humanización da área sanitaria, Lois López Gutiérrez, a Xerente da AECC de Ourense, Judit Vega Avelaira e a Coordinadora hospitalaria da AECC, Belén Pérez Ramos.
O obxectivo principal do convenio é facilitar que a AECC poida desenvolver nos tres centros hospitalarios un programa orientado a identificar de maneira temperá as necesidades das persoas recentemente diagnosticadas de cancro e das súas familias, avaliar o malestar asociado ao diagnóstico e favorecer o acceso aos recursos máis axeitados, tanto dentro do propio hospital como fóra del. As accións desenvolveranse de luns a venres, en horario de 09:30 a 14:30 horas, para garantir unha atención próxima e inmediata no ámbito hospitalario.

A través deste acordo, o SERGAS comprométese a facilitar o acceso e a permanencia no centro ao persoal e voluntariado da AECC, habilitar un espazo para a realización das actividades e promover a coordinación efectiva cos equipos asistenciais, de xeito que as actuacións non interfiran no funcionamento habitual dos servizos.
Pola súa banda, a AECC contará con persoal propio cualificado para o programa de apoie acompañamento, que realizará funcións como: detectar e clasificar necesidades, priorizar intervencións (psicolóxicas, sociais e informativas), orientar cara ao recurso máis axeitado e informar sobre servizos dispoñibles, coordinándose con unidades e profesionais do ámbito hospitalario (oncoloxía, psicooncoloxía, orientación social, enfermería de enlace, entre outros).
A intervención de apoio e acompañamento terá, con carácter xeral, unha duración máxima de unha ou dúas sesións, coa finalidade de derivar, cando corresponda, a outros servizos do hospital, da AECC ou a recursos externos, segundo o nivel de distrés e as necesidades detectadas.

Voluntariado para acompañar e humanizar a estancia hospitalaria
O convenio tamén contempla actividades de voluntariado destinadas a mellorar o benestar durante o proceso hospitalario, incluíndo: acompañamento a pacientes e familiares, apoio emocional, animación e entretemento, guía hospitalaria e apoio en xestións, así como comunicación de casos que precisen intervención especializada para a súa derivación.
O acordo non supón compromiso de gasto para o SERGAS e entra en vigor no momento da sinatura, cunha vixencia inicial dun ano, prorrogable por un ano máis mediante acordo expreso. Para garantir o correcto desenvolvemento, crearase unha comisión mixta paritaria de seguimento e control do convenio.