CulturaCulturaEntroido 2026Última horaVídeos

O Folión Os Labregos de Trives reta ao temporal na súa ronda por Buxán (O Bolo)

 

Pese ao temporal de auga, chuvia e neve, o Entroido segue a celebrarse no oriente ourensán. Unha mostra é a visita que na pasada noite, 30 de xaneiro, realizaba o Folión Os Labregos á localidade de Buxán (O Bolo). Ademais de percorrer as súas rúas batendo bombos, gadañas e sachos, co seu intenso toque, os membros deste folión intercambiaban versos na cea coa que eran agasallados polos veciños de Buxán.

Boas noites teñades/ todos aquí reunidos/ dá gusto visitar o pobo/ así rodeado de amigos“, comezaba dicindo o representante dos Labregos. “O Entroido deste ano/ énos ben madrugador/ e xa se sinte o folión/ polos pobos de arredor./ Hoxé tócanos a nós/ facer aquí a fuliada/ e temos que darlle duro/ que nos sintan en Raigada./ Agradecidos tamén/ pola vosa invitación/ un gustaza coma sempre/ tocar con vós o folión“.

 

 

E a resposta de Buxán non se facía esperar. “Case non se fai festa/ o temporal púxoo difícil de máis/ mais estades tocando/ e iso non se esquece xamais. Grazas por vir ao pobo/ por non dar marcha atrás/ por traer música de terra/ cando todo dicía que non daba máis”.

 

 

Buxán devolveralles a visita aos Labregos o vindeiro 8 de febreiro en Trives. A pasada noite tamén visitaba Buxán o Folión da Veiga.

Imaxes cedidas.

 

 

 

 

Back to top button